Logo da edición 0, no ano 2017 e da primeira edición, no 2018, o ‘Galician Freaky Film Festival’ (GFFF) volve a Vigo do 24 ao 26 de outubro –na Sala Videodrome’- coa súa “proposta de festival gamberro que honra ao friksimo cinematográfico en todos os seus formatos”.
Desta vagada, a organización está entusiasmada porque “batéronse as cifras de películas recibidas os anos anteriores con preto de 200 cintas”.A procedencia das obras, chegadas dende lugares tan diversos coma Chile, Ucraína, EE.UU, Senegal, México, Arxentina, Alemaña ou Brasil, amosa que os xéneros clásicos máis pulp: a fantasía, a ciencia ficción, o terror, o gore e toda a serie B en xeral, seguen a ser un éxito por todo o mundo.
Os organizadores salientan, non só o gran número de filmes achegados durante o período de selección, senón tamén o recentes que son a gran maioría deles, xa que máis dun 30% son do 2019 e outro 20 por cento do 2018.
Filosofía do festival
O obxectivo do GFFF é “reivindicar e recuperar o espírito freak que acada o seu esplendor en Galicia grazas á Xeración Xabarín”, que bailaba os temas das bandas de Rock Bravú, cantaba o opening de Dragon Ball a pleno pulmón e pedía as películas do Vengador Tóxico no videoclube.
A través do cine de xénero, de fantasía, de ciencia ficción, terror, fantasía, gore e serie B, “preténdese mostrar o lado máis rebelde, desacomplexado e divertido da novena arte e celebralo con tres días de festa nos que hai cabida para vampiros, robots, lobishomes, extraterrestres, todo tipo de bechos extravagantes e, por suposto, dinosetos”.
Aniversario de Alien
No espazo ninguén pode escoitar os teus berros. Deste xeito se promocionaba en 1979 Alien, o oitavo pasaxeiro a mítica película de Ridley Scott protagonizada por Sigourney Weaver e un Xenomorfo terrible de mala baba.
‘Aproveitando a efeméride das catro décadas da súa estrea, o GFFF quere facerlle unha homenaxe moi especial no que haberá actividades relacionadas co filme, moita presenza no cartel do certame deseñado por Paulo Mosca e algunha que outra sorpresa que fará as delicias dos fanáticos alieníxenas’.