Os traballadores de Vulcano creen que “é evidente” que a intención de empresa sexa desfacerse dos seus 70 traballadores, consumando, “en dúas semanas”, o seu despido con 20 días por ano traballado e, de seguido, negociar a venda do asteleiro.
Así o asegurou este martes o presidente do Comité de Persoal logo de manter unha xuntanza co concelleiro do BNG, Xabier P.Igrexas, e o deputado Luis Vará.
Situación de “abandono”
Nicolás Sangabriel, asegurou que os empregados de Vulcano “estamos nunha situación de abandono e de esquecemento” e que cumpriron os compromisos que tiñan coa Xunta de rematar o buque que estaba no asteleiro e de encarar o que, engadiu, debía de ser unha “liquidación controlada”, algo que non foi así.
“Agora so estamos agardando que o xuiz decida a extinción dos nosos contratos”, sen saber qué pasará deles, qué pasará co asteleiro, qué pasará coa actividade industrial da comarca de Vigo, e “isto semella que é normal…e a Xunta non fai esforzo algún, nin siquera chamarnos para unha xuntanza e estamos desesperados”.
O Bloque impulsará varias medidas no Parlamento
Os representantes do Bloque anunciaron que promoveran unha nova batería de iniciativas na cámara galega e demandarán que o Concello de Vigo se posicione de maneira clara a prol do mantemento da actividade.
Xabier P.Igrexas denunciou que “a falla de política industrial da Xunta do Partido Popular está condenando á desertización industrial a cidade e mais á comarca de Vigo, poñendo en xaque unha actividade estratéxica e fundamental como é a construción naval”. Unha actividade na que a nosa comarca, apuntou, “ten sido potencia e temos todas as condicións para volver selo e o único que se require é de compromiso político da Xunta”.
O concelleiro advertiu da necesidade urxente de que o Goberno galego actúe posto que “todo apunta a que se non se toman decisións de inmediato e de urxencia o estaleiro estará abocado ao feche, e unha empresa centenaria como Vulcano desaparecerá”, sinalou.
Abandono da Xunta
Tanto Igrexas como Bará coincidiron en denunciar o desleixo do Goberno de Galicia diante da situación límite que atravesa o estaleiro vigués. “O único que se lle ofreceu aos traballadores pola Consellaría e polo IGAPE foron promesas incumpridas. Despois de que os traballadores puxeran todo da súa parte para facer viábel a entrega do ferry agora están totalmente abandonados por parte da Xunta”, resumiu Igrexas.
De celebrar o centenario de Vulcano ao seu enterro
Pola súa banda o deputado nacionalista lamentou que “cando debiamos estar celebrando o centenario de Vulcano o que estamos é vivindo un funeral, un intento de enterro do que foi un dos grande emblemas da construción naval en Vigo”. “A Xunta de Galicia chantaxeou os traballadores pedíndolles ese esforzo de traballar 6 meses sen cobrar para salvar a entrega do ferry e despois deixounos totalmente colgados incumprindo as súas promesas”, remachou Bará.
Centro de reparacións navais
Para Luis Vará a única saída para Vulcano “pasa pola intervención pública directa da Xunta para salvar este proxecto, que é fundamental para a industria viguesa e do naval galego”, aludindo á proposta feita xa hai varios meses polo propio BNG de converter Vulcano nun estaleiro público ou semipúblico sobre o que poñer en marcha o tan demandado centro de reparacións navais da Ría de Vigo.