O Centro Oceanográfico de Vigo do Instituto Español de Oceanografía (IEO), compartirá o seu traballo coa sociedade nos talleres científicos que levará a cabo na Casa das Artes -Policarpo Sanz, 15- o próximo 27 de setembro de 17 a 23 horas, coincidindo coa Noite Europea dos Investigadores.
Persoal das principais liñas de investigación do Centro responderá ás preguntas e achegará as súas explicacións sobre diversos temas, como os ecosistemas profundos, os recursos vivos e a pesca, a oceanografía e a contaminación, o plancto e as mareas vermellas.
Impacto do home no mar
Esta actividade, centrada este ano no impacto do ser humano no mar, levarase a cabo en sete talleres a modo de “minilaboratorios” adaptados a todas as idades, onde se poderá interactuar e aprender, de xeito sinxelo e lúdico. Os máis pequenos contarán cun taller de reciclado, relacionado coa temática xeral do evento, no que mediante xogos e manualidades se achegarán ó océano. Ademais instalarase unha zona interactiva na que se poderá visualizar un vídeo sobre el Centro Oceanográfico de Vigo en formato de 360º, no que se poderá coñecer o traballo que desenvolve.
Talleres de Gyotaku
Ó longo da tarde realizaranse catro talleres de Gyotaku, método tradicional artístico xaponés que consiste na impresión natural de peixes. Haberá unha sesión para nenos (de 8 anos en adiante), ás 17.30h e outra ás 18.30h con 10 participantes cada unha e dúas para adultos: 20.00 e 21.30h, con 15 participantes cada unha. Para poder participar nos talleres de Gyotaku é precisa inscrición previa no correo [email protected], indicando se está interesado en participar na sesión de nenos ou adultos e dando un nome e un teléfono de contacto.
A inscrición ábrese este martes, día 24, e as prazas asignaranse por rigorosa orde de inscrición, ata completar aforo.
Os talleres completaranse coa realización de un bingo mariño e un Kahoot, no que os participantes responderán preguntas relacionadas coa actividade por medio de un dispositivo móbil. Ademais haberá un photocall para que os participantes poidan inmortalizar o seu paso pola actividade.