Coma xa é case ‘tradicional, os organizadores do Galician Freaky Film Festival (GFFF) presentaron o cartel do evento “aos pes do Dinoseto para obter a súa bendición”.
A segunda edición (tras unha edición 0 e máis a #1 Edition) busca manter os piares sobre os que se cimenta o festival: “gamberrismo, diversión e frikismo túzaro”, coma sublimaron os seus organizadores.
De novo, a mistura de “culto cinematográfico ó gore, ó terror, á ciencia ficción, á fantasía e á serie B”, está feita á medida dun público “ que cada ano vai medrando e que sintoniza co espírito da cidade: co macarra que é Vigo, co festeiro que é, comprobamos que o primeiro ano achegáronse 400 persoas e no último 1.000″ – comentou, Juan de Castro, director do Festival – “así que queremos seguir divertindo, berrando e ensinando todo ese cine máis underground que non ten cabida noutros certames”.
Máis de 200 cintas
Nesta ocasión, foron máis de 200 as cintas que se presentaron para formar parte da selección final do GFFF. Títulos chegados dende lugares moi dispares e que demostran a grande interese que segue a existir polo cine de xénero máis puro e sen filtro. Ademais, a organización destaca o recentes que son a maioría das películas recibidas, xa que case a metade de todas elas foron realizadas entre 2018 e 2019.
Novidades da #2 EDITION
Este ano cómprense 4 décadas da estrea mundial de Alien, o oitavo pasaxeiro, a cinta de culto de Ridley Scott e protagonizada por Sigourney Weaver. Por iso o GFFF quere rendir homenaxe a tan destacada efeméride de tódolos xeitos posibles. “A ambientación estará inspirada nos deseños incribles que fixera H. R. Giger para a película” – sinalou De Castro – “pero teremos tamén expos, concertos, recordos para xente que xa pasou a mellor vida e varias sorpresas”.
Para crear unha atmosfera que lembre á mítica nave Nostromo, o GFFF conta coas habilidades de Ricardo Spencer, un dos maiores expertos en escenografía e efectos especiais do panorama audiovisual galego.
O cartel
“O xenomorfo, ese ser terrible, con instinto asasino e un pouco baboso da peli”, non podía faltar no cartel desta segunda edición do Galician Freaky Film Festival, obra de Paulo Mosca e María Llauger.
Coma se fose o instante final dunha película de Kaijus, –o subxénero xaponés centrado en monstros xigantes coma Godzilla, Gamera ou mesmo King Kong– , o Dinoseto é atravesado de xeito fatal pola punzante cola do alien nunha loita a morte no centro de Vigo.
“Así, Mosca, continúa a serie de carteis das anteriores edicións nos que sempre faise referencia ós xéneros máis pulp e undergorund en consonancia perfecta co espírito do Festival”.
En definitiva, a segunda edición do Galician Freaky Film Festival chega cargada coma sempre de “diversión, de ganas de montar barullo e pasalo ben desfrutando da parte máis gamberra da sétima arte”.