Vigo al minuto

#liberdadeparaogalego A cuarta parte dos rapaces menores de 15 anos non sabe falar galego

A Mesa para a Normalización denuncia a falta de liberdade para vivir en galego e que o tratamento do noso idioma no ensino é semellante ao dun idioma estranxeiro

Os resultados da enquisa sobre Uso habitual e inicial do galego feitos públicos este venres polo Instituto Galego de Estatística (IGE) constatan, segundo denuncia A Mesa Pola Normalización, a falta de liberdade para vivir en galego coa normalidade que sería propia dunha lingua oficial que vén sinalando A Mesa reiteradamente”.

A Mesa subliña que consolídase a perda continuada de falantes, especialmente no ámbito urbano, e mais a diglosia nas relacións sociais, cunha importante baixada do número de persoas que empregan só o galego en servizos docentes (23,48%), sanitarios (27,88%), administrativos (29,30), bancarios (28,72%) ou comerciais (30,27%). “Unha situación favorecida”, denuncia o presidente da Mesa pola Normalización, Marcos Maceira, “pola vulneración de dereitos lingüísticos e pola exclusión do idioma de Galiza de grande parte dos ámbitos de uso e pola imposibilidade de devolución, oral ou escrita”.

https://twitter.com/amesanl/status/1177532555706490880

O 24% das e dos menores de 15 anos non saben galego

“Esta nova enquisa do IGE proporciona un novo dato aterrador sobre as consecuencias do mal chamado decreto de plurilingüismo”, recorda Maceira. No tramo de idade no que se aplica o decreto, entre 5 e 15 anos, o 30,04% recoñecen non saber escribir galego, o 18,32% non saber lelo e o 23,9 % non saber falalo, o que supón un incremento do 8,42%, do 4,06%, e do 7,6% (respectivamente) sobre os datos recollidos no 2008, ano da última enquisa anterior á entrada en vigor do decreto contra o galego.

“Á vista do datos”, afirma Maceira, “a efectividade do decreto contra o galego é indiscutíbel, tal e como indicaban as asociacións de nais e pais, organización sindicais, movementos de renovación pedagóxica, a propia Mesa pola Normalización Lingüística ou o Comité de expertos do Consello de Europa para a Carta das Linguas: a incapacidade para o uso do galego é a máis alta da historia de Galiza”. Dende A Mesa, advírtese de que a única maneira de reverter esta situación é garantindo o galego como lingua vehicular do ensino, posibilidade anulada polo Partido Popular con consecuencias terríbeis para o alumnado galego.

Estranxeirización do galego

A Mesa denuncia que a vontade dunha importante parte da poboación galega por manter o uso da súa lingua atopa impedimentos de todo tipo, visíbeis ao contrastarmos datos de uso cos de presenza en espazos como a programación infantil en galego, que só acada o 4%, o 0,6 % nos xogos e xoguetes, o 5% na xustiza, o 1% nos seguros ou o 8% na educación infantil nas cidades, aos que se suma o crecente desprezo pola lingua propia na administración pública estatal e autonómica que concentran o 46% das queixas por vulneración dos dereitos lingüísticos.

“A presenza e tratamento do galego en Galicia, incluído o ensino, é o dunha lingua estranxeira”, denuncia o presidente da Mesa, “só as persoas galegofalantes se ven forzadas a mudaren de lingua”. “É este o equilibrio do que se gaban o PP e o presidente da Xunta? É esta a liberdade para o galego?“, pregunta.

“A satisfacción da Xunta ante estes resultados só se explica se o obxectivo da súa política lingüística é a aniquilación do galego”, afirma Maceira.

También te puede interesar