A asociación lembra que axuda a persoas maiores, a maioría mulleres soas, que teñen entre 80 e 90 anos de idade
A Oficina de Dereitos Sociais de Coia (ODS) vén de denunciar que dende o vindeiro 31 de outubro Vigo quedará sen o servizo de “Coidadoras de barrio”.
ODS lembra que desde marzo 47 empregadas deste servizo percorren as rúas da cidade, a maior parte da xornada acompañando a persoas maiores ou dependentes. As coidadoras de barrio axudan “a facer as compras diarias, a ir ao médico, a realizar algunha xestión, a dar un paseo ou relacionarte coa veciñanza do barrio”.
“Na maioría dos casos son mulleres de entre 81 e 90 as que empregan este servizo, moitas delas viven soas ou non teñen quen mire por elas durante a maior parte do día”.
Convenio con Érguete
A Fundación Érguete, que preside Carmen Avendaño, asinou un convenio de colaboración co Concello de Vigo por 540.000 € anuais para prestar este servizo de acompañamento na rúa “a persoas que por circunstancias de idade ou dependencia necesiten apoio”.
Naceu en 2008 e desde esa data foi estendéndose por máis zonas da cidade e chegando a máis veciñas. “O programa supón tamén unha oportunidade laboral para persoas afastadas polo mercado laboral, xa que Érguete selecciona a persoas en paro ou en risco de exclusión social para desempeñar esta tarefa”.
ODS subliña que é un servizo necesario, á vista dunha poboación cada vez máis vella, e que complementa o espazo que non cobren outros específicos como a axuda no fogar ou os centros de día. “Apostar polo apoio na súa contorna para quen o precise é un camiño ben interesante, en especial cando a alternativas son a familia ou o mercado”.
Sinala ao Goberno municipal
Segundo a Oficina de Dereitos Sociais de Coia, “para o luminoso” goberno municipal e as súas amizades as necesidades básicas das veciñas pouca importan. Por iso vai desaparecer a finais de outubro este servizo. Seica debe serlles máis rendible facer unha rolda de prensa anunciando o reinicio do mesmo dentro duns meses (hai dous anos tardaron catro)”.
Dende a OSD suxiren que ao Concello que “xa de parar o servizo, cando o recuperen o deixen en mans dos servizos sociais municipais, non son precisas as intermediarias”. Ao seu xuízo, nas Unidades de Traballo Social hai profesionais que se dedican a inserción sociolaboral que ben poderían facer unha selección transparente e ofrecer formación ás posibles “coidadoras de barrio”.
“Non precisamos convenios, nin concursos con entidades cando na administración temos xa a profesionais dedicados a estas tarefas. Cando menos ese sería un primeiro paso para no futuro dotar ao propio tecido dos barrios de ferramentas para cubrir as necesidades de coidados sen pasar polo mercado”.
Por todo isto solicitan do Goberno Municipal que non elimine o servizo das “coidadoras de barrio” e ao mesmo tempo esixen que se inicie un traballo nos barrios co fin de dotalos de ferramentas que satisfagan as necesidades de coidados “sen pasar polo mercado”.