'Qué te cuentas?' Galicia

As rupturas matrimoniais descenden en Galicia un 14,3 % no segundo trimestre do ano

O número de demandas de ruptura matrimonial (separacións e divorcios) presentadas en Galicia no segundo trimestre do ano foi de 1.471, fronte ás 1.717 que se rexistraron no mesmo período do ano pasado, o que supón un descenso do 14,3 %, dacordo cos datos difundidos este mércores polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

No conxunto do Estado a baixada foi do 6,7 %, segundo o estudo da Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX).

Poñendo en relación as demandas de ruptura matrimonial coa poboación ao 1 de xaneiro de 2019, obsérvase que por cada 10.000 habitantes en Galicia se contabilizaron 5,5 demandas no período estudado, fronte ao 6,1 de media estatal. En comparación co primeiro trimestre do ano, as demandas de ruptura descenderon un 9 %, ao pasar de 1.618 a 1.471.

Baixan os divorcios e separacións…

O estudo reflicte que entre o 1 de abril e o 30 de xuño en Galicia diminuíron tanto os divorcios consensuados (de 979 a 840, un 14,2 %) como os non consensuados (de 665 a 576, un 13,4 %).

As separacións de mutuo acordo tamén baixaron, pois pasaron de 50 en 2018 a 39 no mesmo período deste ano, do mesmo xeito que as non consensuadas, das que se rexistraron 16, fronte ás 23 do ano pasado. Neste período non houbo ningunha petición de nulidade matrimonial, mentres que en 2018 presentáronse dúas.

…tamén a modificación de medidas consensuadas…

No segundo trimestre de 2019 iniciáronse 175 procedementos de modificación de medidas consensuadas, un 2,8 % menos que no mesmo período do ano anterior. As demandas de modificación de medidas non consensuadas pasaron de 479 a 477, un 0,4 % menos.

…e os procedementos de garda e custoria

En canto aos procedementos de garda, custodia e alimentos de fillos non matrimoniais, rexistráronse 264 demandas de modificación de medidas consensuadas, fronte ás 256 do segundo trimestre de 2018, o que supón un aumento do 3,1 %; e 356 demandas de modificación de medidas non consensuadas (381 o ano pasado), o que representa unha baixada interanual do 6,6 %.

You may also like