A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o delegado de Zona Franca, David Regades, mantiveron este venres unha xuntanza, no concello redonelán, no que analizaron as posibles vías de colaboración para poñer en marcha accións que favorezan o desenvolvemento económico da comarca.
Para a alcaldesa, “Zona Franca é unha ferramenta para o desenvolvemento económico de Vigo e a súa área de influencia, por iso, grazas ao compromiso que hoxe nos manifestou David Regades, tamén poñerá os seus recursos e coñecementos ao servizo de Redondela”.
Centro de Emprendimento
Os dous responsables trataron neste encontró temas relacionados co desenvolvemento económico e a favor do emprendemento. Neste sentido, estudaron diferentes localizacións onde poder abrir un Centro de Emprendemento e Innnovación Social.
Sería “un espazo para o intercambio de ideas, onde as emprendedoras e emprendedores atopen apoio administrativo e de xestión e onde poidan resolver as dúbidas iniciais cando un embárcase na posta en marcha dun negocio”.
Para David Regades, “Zona Franca non pode estar de costas a Redondela xa que este concello forma parte do Gran Vigo polo que debemos de poñer todos os recursos que podamos para que a súa economía siga crecendo”.
Así, o delegado e a alcaldesa analizaron as diferentes alternativas que ofrece o Consorcio, coma as aceleradoras de empresas ‘ViaGalicia’ e ‘VíaExterio’r, a sociedade de capital-risco ‘Vigo Activo’ ou o servizo de información económica ARDÁN.