A Consellería de Sanidade inicia o vindeiro luns, 14 de outubro, na provincia de Pontevedra a campaña de vacinación antigripal, que durará ata o vindeiro 27 de decembro.
Cóntase con 250 puntos de vacinación, repartidos en centros de saúde e consultorios, centros hospitalarios públicos, hospitais e consultas médicas privadas; residencias e centros para a terceira idade; unidades asistenciais de drogodependencias; centros penitenciarios e centros de atención a discapacitados.
‘A Gripe vai chegar… Vacínate’
Este ano, baixo o lema A Gripe vai chegar… Vacínate,a Consellería de Sanidade adquiriu 615.000 doses de vacinas antigripais -7.000 máis que en 2018- e destinou un orzamento de 3.466.632 € -1.283.412 € máis que no ano 2018- o que supón un incremento de preto do 59%. Así mesmo, Galicia será a primeira autonomía en administrar na campaña unha vacina tetracelular a persoas de 15 a 64 anos con factores de risco. Deste xeito, Sanidade cumpre un dos obxectivos marcados no Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021, aprobado o pasado mes de maio.
Tres tipos de vacina
Unha das novidades desta campaña 2019 é ó uso de tres tipos de vacinas: a vacina tetravalente de cultivo en ovo, que pode ser utilizada na poboación infantil con patoloxía de base, de 6 meses ata os 14 anos de idade; a vacina tetravalente de cultivo celular, que se empregará por primeira vez para as persoas con factores de risco de 15 a 64 anos, e tamén está indicada para embarazadas; e a vacina trivalente adxuvada, para todas as persoas de 65 anos ou máis ingresados en residencias ou non e que se corresponde co grupo de persoas con maior risco de complicacións.
Esta ampliación de idade nesta última vacina significa un incremento do 72% de doses con respecto ao ano pasado. Todos os centros na provincia de Pontevedra disporán destes tres tipos de vacinas.
Do total de 615.000 doses de vacinas antigripais adquiridas, 20.000 corresponden a tetravalente de cultivo en ovo, 165.000 á tetravalente de cultivo celular e 430.000 doses son de vacina trivalente adxuvada -180.000 doses mais que o ano pasado-.
Área de Vigo
Na Área Sanitaria de Vigo administráronse na pasada campaña de 2018 un total de 87.246 doses antigripais. Desa cifra, 66.426 correspondéronse a maiores de 65 anos, nos que se acadou unha cobertura do 54,64% da poboación diana.
Por outra banda, na área de Pontevedra-O Salnés administráronse na pasada campaña de 2018 un total de 85.808 doses. Delas, 38.354 correspondéronse con maiores de 65 anos, nos que se acadou unha cobertura do 56,69 %.
Ditas coberturas do pasado 2018 representan un incremento en dous puntos porcentuais con respecto aos datos de 2017 en ambas áreas.