Destacados Vigo al minuto

Abanca compra o Banco Caixa Geral por 384 millóns

Abanca e Caixa Geral de Depósitos pecharon o proceso de compravenda de Banco Caixa Geral, S.A. coa firma do contrato de adquisición, unha vez recibidas todas as autorizacións dos reguladores.

Segundo informa Abanca, “trátase dun dos fitos máis relevantes dunha operación que se iniciou co proceso de venda desenvolvido polo Goberno de Portugal o pasado ano e do que Abanca resultou gañadora”. O prezo da operación ascende finalmente a 384 millóns de euros.

O acto de firma tivo lugar na sede institucional do banco español en Madrid e participaron por parte de ABANCA o seu presidente, Juan Carlos Escotet Rodríguez, e o seu conselleiro delegado, Francisco Botas. Por parte de Caixa Geral de Depósitos asistiron o seu presidente executivo, Paulo Macedo, e Francisco Cary, conselleiro executivo de CGD e presidente do Consello de Administración de Banco Caixa Geral en España.

“Esta operación corporativa dá unha nova dimensión ao rango ibérico de Abanca, permítenos aumentar a nosa presenza en España e favorece o crecemento do noso negocio en Portugal”, destacou Juan Carlos Escotet Rodríguez. “A compra de Banco Caixa Geral está alineada co noso modelo de negocio e achéganos coñecemento e capacidades para reforzarnos en territorios e segmentos como xestión de patrimonios, negocio crossborder, pemes e agro”, subliñou o Escotet.

Banco Caixa Geral pasa a formar parte desde este momento do Grupo Abanca. En total, o banco español incrementa a súa rede comercial con 110 oficinas repartidas por toda a xeografía española, con especial presenza nas provincias máis próximas á fronteira con Portugal. Suma un volume de negocio duns 7.000 millóns, así como una plantilla formada por 531 profesionais que prestan servizo a máis de 131.000 clientes particulares e empresas. Abanca convértese así na sétima entidade española por recursos propios.

You may also like