A campaña de vacinación empeza este luns, día 14 de outubro, e remata o vindeiro 27 de decembro
14.508 persoas da área sanitaria de Vigo xa teñen solicitada a súa cita para acudir a vacinarse da gripe nos vindeiros días, segundo indicaron este luns responsábeis da Consellería de Sanidade, coincidindo coa campaña antigripal.
A campaña de vacinación antigripal da Consellería de Sanidade que iniciouse hoxe durará ata o 27 de decembro, polo que Sanidade lembra á cidadanía que hai tempo suficiente para facela progresivamente.
Segundo explicou a directora de procesos sen Ingresos e Urxencias da Área Sanitaria de Vigo, Elena Lorenzo, “é moi importante a concienciación dos equipos de atención primaria na promoción da vacina así como as recomendacións de medidas de profilaxe para evitar os contaxios. Ademais este ano contamos cunha vacina tetravalente cun maior efecto inmunoxénico. A vacina antigripal non so evita casos senón que diminúe a frecuencia de complicacións derivadas desta enfermidade así como o risco de hospitalización e morte relacionada coa gripe. Hai que lembrar que o pasado ano na área viguesa rexistráronse 371 ingresos hospitalarios e 26 mortes como consecuencia dun proceso gripal”.
Vigo, área con maior efectividade nas chamadas telefónicas
Algunhas das medidas que se van levar a cabo para promover a vacinación serán, entre a terceira e cuarta semana de campaña, o desenvolvemento do programa de promoción da vacinación antigripal mediante SMS aos maiores de 65 anos e a chamada activa.
Así, os profesionais de Enfermería de Atención Primaria proporcionarán información da vacina a todos aqueles pacientes entre 65 e 74 anos dos seus respectivos cupos que aínda non teñan recibido a súa dose, mediante un consello telefónico para explicarlles as necesidades e as vantaxes da mesma.
“A área sanitaria de Vigo é a que realiza un maior número de chamadas telefónicas e a que rexistra unha maior efectividade nas mesmas. O pasado ano efectuáronse 9.868 chamadas e grazas a ese esforzo conseguiuse que un 14,93 % máis da poboación de risco tivese recibido a dose da vacina” -afirmou a doutora Lorenzo.