A Deputación de Pontevedra vén de abrir o prazo de inscrición para o IV Encontro Provincial pola Inclusión, que se celebrará o 28 de outubro no Sexto Edificio do Museo Provincial e o día 29 no Centro Príncipe Felipe.
Estas xornadas formativas contan con prazas limitadas e están orientadas a profesionais do eido, que terán prioridade á hora de rexistrarse en canto á orde de inscrición.
A cita será presencial e gratuíta e as persoas inscritas deberán asistir á totalidade do evento. Así, todos aqueles que o desexen poden encher o formulario de matrícula a través da páxina web da Deputación de Pontevedra.
O primeiro dos días que conforman a cita será a xornada técnica e, polo tanto, estará máis enfocada a profesionais dos eidos relacionados co traballo, a educación e a integración social, así como a persoal técnico de entidades de iniciativas sociais e sociosanitarias, de áreas como Mobilidade, Urbanismo e Obras dos concellos e a persoas con interese en estratexias de inclusión, sensibilización e diversidade.
A xornada constará de tres mesas: “Inclusión educativa: como promover a interacción entre iguais en nenos e nenas”, “Xuventude e diversidade funcional: desafíos para a vida independente” e “Avellentamento en persoas con diversidade funcional: calidade de vida”. O horario deste día será de 9.30 a 13.30 horas.
O Centro Príncipe Felipe acollerá a xornada de convivencia do martes 29 de outubro. De 10.00 a 11.00 horas os inscritos poderán explorar as exposicións artísticas de cinco asociacións provinciais. Posteriormente, terán lugar un taller de bailoterapia e o espectáculo “Conversas con Tana”, a cargo do actor, humorista, músico e ventrílocuo Al Guanella. Esta xornada, que pretende impactar de xeito específico ás persoas relacionadas con organizacións e entidades que desenvolvan a súa labor no campo da inclusión, rematará ás 13.00 horas.