Rematado o prazo de presentación de ofertas para a adquisición de solo na Plataforma Loxística Salvaterra-As Neves (PLISAN), tres empresas presentaron as súas poxas para a adquisición dun total de cinco parcelas, tal e como informou hoxe a delegada da Xunta en Vigo.
68.865 metros cadrados
Corrina Porro indicou que as ofertas presentadas suman un total de 68.865,88 metros cadrados, que supoñen preto do 20% do solo posto a disposición das empresas. En todo os casos as empresas solicitan a adxudicación en dereito de superficie, o que lles facilita o acceso ao solo empresarial ao pagar un canon anual reducido, permitíndolles acceder á propiedade do solo, si o desexan, dentro dos dez anos posteriores á adxudicación.
Instaladas en 2020
Segundo apuntou, as compañías poderán comezar a instalarse na plataforma no primeiro semestre do 2020, coincidindo co remate das obras de urbanización da primeira fase da zona loxístico-empresarial, da ETAP e da EDAR, nas que se están a investir 20,6 millóns de euros.
Urbanización da segunda fase
Por outra parte, anunciou que o Instituto Galego da Vivenda e Solo aprobou o proxecto técnico de urbanización da segunda fase da zona LE, o que permitirá á Zona Franca de Vigo licitar en breve a obra de urbanización da mesma, en función dos acordos adoptados entre as tres administracións que participan no desenvolvemento da PLISAN, que acordaron que fose Zona Franca a encargada da licitación das obras das dúas fases da LE. Cabe recordar que as obras da primeira fase da LE están xa en execución.