Membros do comité de Povisa e da CIG-Saúde permanecen pechados na Consellaría de Sanidade, en San Lázaro, en Compostela, para manifestar o seu rexeitamento á compra, por unha contía mínima, do centro hospitalario por parte da aseguradora estadounidense Centene e “denunciar a perda de oportunidade da Xunta de adquirir Povisa por 24 millóns de euros, garantindo a xestión pública dun recurso asistencial vital para a área sanitaria de Vigo”.
Exixen ante isto ser recibidos polo conselleiro, á quen a CIG xa lle solicitou unha reunión o pasado 8 de outubro que segue sen ter resposta, porque a compra de Povisa por parte de Sanidade permitiría garantir unha prestación a toda a poboación da área sanitaria de Vigo desde o sistema público e facilitaría o seu desenvolvemento sen estar ao servizo dos intereses privados.
De xeito paralelo ao encerro, un grupo de delegados e delegadas da CIG-Saúde permanece concentrado diante do edificio da Consellería de Sanidade en San Lázaro.