Vigo al minuto

@CIGVigo pide intervir no Pleno do Concello ante a gravidade da situación do naval

A central, que ten convocada unha manifestación para o día 30, pide a xuntanza do Consello Económico e Social

No marco da campaña iniciada baixo o lema “S.O.S. Vigo: Polo futuro industrial da comarca, emprego digno e servizos públicos”-que levará á manifestación do vindeiro día 30 (20:00h. Cruce Vía Norte), a CIG vén de solicitar formalmente intervir no próximo Pleno do Concello de Vigo para abordar a grave situación que atravesan a industria e os servizos públicos na cidade e comarca de Vigo.

Peche de Vulcano e crise de Barreras

No escrito dirixido ao alcalde da cidade polo secretario comarcal da CIG, Alberto Gonçalves, alértase da situación límite da construcción naval diante do inminente feche de Vulcano e as dificultades que enfronta Barreras, e o impacto que ambos os dous estaleiros están a ter no tecido da industria auxiliar.

Atención sanitaria

Ademáis, a central sindical tamén denuncia o “impacto negativo” que as políticas de recorte aplicadas polo Partido Popular nos servizos públicos están a ter para as clases traballadoras e populares, e “de maneira significativa no que atinxe á atención sanitaria”.

Convocatoria do Consello  Económico e Social da cidade

O sindicato nacionalista demanda ademais a convocatoria extraordinaria e urxente do Consello Económico e Social da cidade, tal e como se fixera en 2011 diante das dificultades que atravesaba o naval.

Con estas iniciativas a CIG procura implicar tamén ás institucións na procura de solucións que revertan a desertización produtiva que padece a nosa comarca. “Cando está en xogo o futuro industrial de Vigo e a súa comarca as institucións non poden ollar para outro lado. É o momento de tomar medidas e de tomalas xa”.

Te podría interesar