O Concello de Nigrán iniciou esta semana os traballos para reducir os verquidos de pluviais aos colectores de residuais que discorren paralelos ao río Muíños, xa que nos momentos de moita choiva se produce desbordamento das arquetas no tramo final do río.
Cun orzamento de 103.000 €, teñen un prazo de execución de 6 meses, pero a firma viguesa encargada dos mesmos prevé que estean rematados a inicios de ano, liquidando con elo estes problemas puntuais de verquidos que, a súa vez, dificultan o traballo da depuradora.
As obras consisten en diferentes intervencións encamiñadas todas elas a reducir as incorporacións de augas naturais aos colectores de residuais, minimizando o volume e frecuencia dos mesmos nos momentos de choiva abundante.
Nesta primeira fase se están a reparar os pozos de rexistro (moitos presentan filtracións e outros serán clausurados) para seguidamente instalar un equipo rototamiz fabricado ex-profeso para esta actuación e que se situará a escasos metros da depuradora co obxectivo de filtrar calquera auga que se puidera desbordar.
A intervención inclúe a instalación de aliviadoiros e acondicionamento paisaxístico na contorna dos pozos que producen maior impacto visual. A maiores, realizaranse traballos de bioenxeñaría fundamentalmente mediante a colocación de estaquillado natural (a base de estacas) nun total de 37 metros do curso fluvial e en tres puntos diferentes para protexer as marxes e frear o caudal (técnica novidosa que o Concello de Nigrán xa aplicou anteriormente neste río). Todo isto evitará que desborden as arquetas no tramo final e que a depuradora non reciba unha cantidade de auga excesiva para o seu correcto tratamento.
Paralelamente, rematáronse por 510.000€ as accións de bioenxeñería para acondicionar as marxes do río ante a gran degradación que sufre como consecuencia da presión urbanística e que afecta tamén directamente á conservación do sistema dunar de Praia América (dentro deste mesmo proxecto está a construción dunha zona deportiva con pista de skate e de atletismo que estará rematada antes de finais de ano).
En total, ambos traballos suman un investimento de 613.000€ e teñen como obxectivo devolver ao río Muíños ao seu estado natural.