O servizo de Neuroloxía co Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) reforzará a atención aos pacientes con migrañas coa posta en marcha dunha nova ‘Consulta de Cefaleas’, que xa nas próximas semanas estará operativa no hospital Alvaro Cunqueiro.
Así o confirmou este mércores o xerente da área sanitaria de Vigo, Julio García Comesaña, na súa visita á exposición sobre esta patoloxía que acolle o hospital. A nova consulta, a cargo da doutora María Dolores Garcia Bargo, irá dirixida especificamente á atención desta enfermidade, de gran prevaleza entre a poboación.
Unha enfermidade discapacitante e infradiagnosticada
A migraña maniféstase con ataques recorrentes de cefaleas moderadas ou severas que adoitan ser de carácter pulsátil, a miúdo unilateral e acompañados de náuseas, vómitos e sensibilidade á luz, os sons e os cheiros. A patoloxía supón a sexta enfermidade de maior prevalencia a nivel mundial.
Lonxe de ser unha simple dor de cabeza, é unha enfermidade neurolóxica complexa e crónica que produce discapacidade, peor calidade de vida e custos socioeconómicos elevados.
En España, afecta a aproximadamente o 12% da poboación, é dicir, a máis de 4,5 millóns de persoas de forma ocasional e case 1 millón de forma crónica, o que supón ter dor de cabeza máis de 15 días ao mes. Isto impacta profundamente na capacidade das persoas para levar a cabo as súas tarefas cotiás. Tanto é así, que a Organización Mundial da Saúde categorizouna como unha das 10 causas principais de anos vividos con discapacidade tanto para homes como para mulleres.