'Qué te cuentas?' Ciencia y Tecnología

@Xunta abre o prazo de inscrición para cubrir 205 prazas de educadores, enfermeiros, fisioterapeutas e médicos

O Diario Oficial de Galicia (DOG) de este mércores e de mañá, xoves, publica as convocatorias destes procesos selectivos que forman parte da convocatoria de emprego social para centros de maiores, centros de día ou atención á
discapacidade e á muller.

86 prazas de educadores e 69 para enfermería

O DOG de hoxe recolle as convocatorias de 86 prazas para educadores, a convocatoria con maior volume de prazas desde o ano 2006 cando se convocaron 34 prazas; 69 para enfermería –a última convocatoria foi tamén en 2006 con 23 prazas– e convócanse por primeira vez na Administración galega, 10 prazas para a categoría de fisioterapeutas.

O prazo de inscrición nestas oposicións abre mañá -7 de novembro- e remata o día 4 de decembro co que as persoas interesadas en participar nos procesos selectivos terán 20 días hábiles para facelo constar no modelo de solicitude que se facilita gratuitamente na Internet, e aboar a taxa que estea vixente no momento de presentala.

40 prazas para médicos

Por outra banda, o DOG publicará mañá xoves por primeira vez na Xunta, dúas convocatorias para cubrir 40 prazas de médicos. As convocatorias realízanse de forma diferenciada, por un lado de persoal funcionario, e por outro de persoal laboral –para prazas de profesionais declarados indefinidos antes das entrada en vigor do Estatuto Básico do empregado Público (EBEP)-.

O prazo de inscrición abre o venres 8 de novembro e remata o día 5 de decembro co que as persoas interesadas en participar nestas oposicións tamén disporán de 20 días hábiles para apuntarse. Os primeiros exercicios dos procesos selectivos de persoal funcionario serán simultáneos e coincidentes cos do persoal laboral.

Prazas de acceso libre

Do total das 205 prazas convocadas, a maioría -156 prazas- son de acceso libre e poderá acceder a elas calquera persoa que cumpra os requisitos e queira acceder a un emprego fixo e de calidade na Xunta de Galicia. Ademais, as prazas de promoción interna que non quedan cubertas sumaranse ás de acceso libre.

O sistema selectivo de todos estes procesos realizarase a través do concurso-oposición e desde a publicación da convocatoria ata a realización da primeira proba haberá un prazo mínimo de seis meses, para que as persoas inscritas poidan preparar as probas.

You may also like