A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar o proxecto ‘DepoFroitos’, relativo ao cultivo de froitos do bosque ecolóxico, iniciativa que enmarcase dentro de ‘EmpleaVerde’, o programa do Ministerio para a Transición Ecolóxica cofinanciado polo Fondo Social Europeo.
Carmela Silva subliñou que “na Deputación seguimos apostando por iniciativas ligadas á defensa do medio ambiente cara á transición ecolóxica e o apoio ao medio rural, apostando por crear novas actividades que permitan o mantemento da poboación no territorio, grandes eixos deste mandato”.
O obxectivo xeral do proxecto é impulsar a creación de plantacións de froitos dos bosques ecolóxicos, sobre todo en terreos abandonados, e mellorar a capacitación e a profesionalización das persoas emprendedoras que queiran
dedicarse a esta actividade. Carmela Silva tamén detallou que “a través deste proxecto crearase un servizo de acompañamento específico para as empresas de nova creación relacionadas co cultivo de froitos do bosque”.
A través del proporcionaráselles información e asesoramento na tramitación de axudas e subvencións, na elaboración de plans de viabilidade técnica, económica e financeira, e acompañamento técnico na iniciación dos proxectos empresariais.
Deste xeito, promoveranse as seguintes accións: elaboración de estudos técnicos de parcelas para o posible cultivo de froitos do bosque a través estudos climáticos, edafolóxicos, estudos da auga de rega, do material vexetal, de mercado e de rendibilidade, e creación dunha agrupación comercial para reducir custos e obter maiores beneficios ao situar o produto a prezos máis competitivos.