A Xunta de Galicia abre o luns, día 11 de novembro, o prazo de inscrición nas oposicións para cubrir 202 prazas de traballadores sociais, psicólogos e terapeutas ocupacionais.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres as convocatorias destes procesos selectivos que -ao igual que as xa publicadas esta semana- forman parte da convocatoria de emprego social e reforzarán eidos prioritarios como os centros de maiores, centros de día ou atención á discapacidade e á muller.
O DOG de hoxe recolle as convocatorias de 89 prazas de traballadores sociais, a convocatoria con maior volume de prazas desde 2006 cando se convocaron 19; 63 para psicólogos, a última convocatoria tamén se realizou no ano 2006 con 27 prazas; e recolle por primeira vez na Xunta a convocatoria de 50 prazas para terapeutas ocupacionais.
Todas estas convocatorias realízanse de forma diferenciada, por un lado as de persoal funcionario, e por outro as de persoal laboral –para prazas de profesionais declarados indefinidos antes das entrada en vigor do Estatuto Básico do empregado Público (EBEP)-.
A maioría das prazas (157) son de acceso libre e poderá acceder a elas calquera persoa que cumpra os requisitos e queira acceder a un emprego fixo e de calidade na Administración galega. Ademais, as prazas de promoción interna que non quedan cubertas sumaranse ás de acceso libre. Todas estas prazas son independentes e adicionais ás
prazas sanitarias para hospitais ou centros de saúde convocadas polo SERGAS.
O sistema selectivo realizarase a través do concurso-oposición e desde a publicación da convocatoria ata a realización da primeira proba haberá un prazo mínimo de seis meses, para que as persoas inscritas poidan preparar as probas. Os primeiros exercicios dos procesos selectivos de persoal funcionario serán simultáneos e coincidentes cos do persoal
laboral.
20 días hábiles para anotarse
O prazo de inscrición remata o día 9 de decembro co que as persoas interesadas en participar nos procesos selectivos terán 20 días hábiles para facelo constar no modelo de solicitude que se facilita gratuitamente na Internet, e aboar a taxa que estea vixente no momento de presentala.