A Concellaría de Igualdade de Redondela , dirixida pola propia alcaldesa, Digna Rivas, vén de informar da apertura do prazo de inscrición para participar no ‘Programa Municipal de Conciliación 2019 Convocatoria de Nadal’.
“O principal obxectivo desta actividade é promover a conciliación da vida familiar e laboral nas familias do noso concello durante estas vacacións de Nadal, ao mesmo tempo que ofrecer a posibilidade de que as nenas e os nenos dispoñan dun espazo lúdico alternativo neste período de vacacións”.
Nenas e nenos de 3 a 14 anos de idade
Este Programa, ao que hai que inscribirse previamente, ofértase para menores de 3 a 14 anos. No caso de menores con necesidades educativas especiais avaliarase cada solicitude de maneira individual.
O Programa desenvolverase do 23 ao 31 de decembro de 2019 e do 2 ao 3 de xaneiro de 2020, de luns a venres, en horario de 09.00 a 14.00 horas, nas parroquias de Cabeiro: Centro cultural de Cabeiro, con 15 prazas; Cedeira: Centro cultural de Cedeira, con 15 prazas; Cesantes: Centro cultural de Cesantes, con 15 prazas; Chapela: Multiúsos, con 15 prazas; Negros: Asociación de veciños de San Esteban de Negros, con 15 prazas; O Viso: Antiga escola de Tuimil, con 15 prazas; Reboreda: Sociedade labrego cultural de Reboreda, con 15 prazas;; Redondela: Multiúsos, con 30 prazas;
Saxamonde: Asociación de mulleres Arela de Saxamonde, con 15 prazas, e Ventosela: Asociación deportivo cultural Miñoteira, con 15 prazas.
Para poder participar
é preciso presentar no Rexistro xeral do Concello en Redondela ou Chapela a ficha de solicitude de participación, que se pode descargar da páxina web do Concello ou recollela nas oficinas do Centro de Información ás Mulleres (CIM), xunto coa documentación anexa.O prazo de inscrición ábrese o mércores 13 de novembro e remata o mércores 27 de novembro. A listaxe de admitidas/os será publicada o venres 13 de decembro na páxina web do Concello e nas oficinas do Centro de información ás Mulleres.
Para máis información podédesvos dirixir ao CIM (Centro de Información ás Mulleres), na rúa Isidoro Queimaliños, núm. 2, ou chamando ao teléfono 986 40 80 43.