Elena Muñoz, ex presidenta do PP de Vigo será de novo senadora noemada polo Parlamento de Galicia-xunto ao ex alcalde de Ourense, e tamén ex conselleiro, Jesús Vázquez Abad-. Os dous serán votados polo Pleno da Cámara galega a vindeira semana e repetirán posto de senadores, como na lexislatura pasada.
Muñoz (Madrid,1971), licenciada en Ciencias Económicas pola Universidade de Vigo, entrou en 1999 na escala superior de Finanzas da Xunta, posto no que permaneceu ata que en 2012 foi nomeada conselleira de Facenda polo presidente Feijóo.
En 2015 deixou a consellería para presentarse coma candidata do Partido Popular á Alcaldía de Vigo. Nas Eleccións Municipais o PP obtivo 7 concelleiros- 6 menos dos que tiña no mandato anterior– e Elena Muñoz pasou a ser a ‘xefa da oposición’ nunha Corporación na que o PSOE tiña maioría absoluta.
Nas Municipais de maio deste 2019, o Partido Socialista acadou 20 concelleiros e o Partido Popular pasou de 7 a 4, polo cal a Elena Muñoz presentou a súa renuncia coma presidenta do partido en Vigo e rexeitou tomar posesión coma concelleira.