Afecta a preto de 22.000 metros cadrados, tal e coma publica o Diario Oficial de Galicia este mesmo luns
A Xunta somete a información pública o Proxecto Sectorial do Campus Científico-Tecnolóxico do Mar nos terreos da ETEA (PS-6). Así consta no anuncio publicado este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG), polo cal se abre un período dun mes para que aquelas entidades, institucións ou cidadáns interesados poidan facer as súas achegas.
O PS-6 ordena e detalla pormenorizadamente o ámbito, cunha superficie de 21.199 metros cadrados, para a localización de usos complementarios dos científico-tecnolóxicos, tales como os socioculturais, dotacionais, deportivos, servizos de xestión e innovación empresarial e terciarios complementarios, así como os propiamente relacionados coa investigación e os seus servizos.
Así, a ordenación proposta mantén a estrutura urbanística das instalacións da que foi, no seu tempo, a Escola de Transmisións e Electricidade da Armada (ETEA), recuperando aquelas solucións de continuidade ao longo do bordo litoral. O obxectivo é que a estrutura final, aínda que desenvolvida en fases, constitúa un espazo cohesionado e funcional integralmente.
No que atinxe ás edificacións existentes, en coherencia co Plan Sectorial, levouse a cabo unha análise dos mesmos no referente ao seu valor patrimonial, á súa integración paisaxística e á súa potencial rehabilitación funcional para os usos determinados. Ademais da protección e conservación do Edificio Morse e da Enfermería, pertencentes ao catálogo de elementos do Patrimonio Cultural do Plan Sectorial, se inclúe a protección doutras dúas edificacións: a residencia Álava e a residencia Liniers, polo seu singular valor arquitectónico dentro do conxunto.
Por outra banda, prevese a eliminación do edificio de Aulas e do edificio Patiño, coa intención precisamente de poñer en valor dos edificios Morse e Enfermería, mediante a ampliación de espazos libres contiguos aos mesmos, de xeito que se potencien como espazos de antesala para a percepción das súas edificacións de interese patrimonial.
Asemade, prevese a eliminación do Cuartel de alumnos José Luis Díez, por canto constitúe un elemento discordante coa escala territorial da paisaxe e suporía unha barreira con respecto á comunicación entre os espazos deportivos, o parque urbano e a praia; e tamén a eliminación do Cuartel Méndez Núñez así como do Corpo de Garda, cuxas dimensións non se consideran acordes ás necesarias para acoller os usos demandados.
Próximos pasos
Unha vez sometido o documento ao trámite de información pública, tras superar en xuño o informe ambiental estratéxico, daráselle audiencia ao Concello de Vigo e solicitaranse os informes sectoriais preceptivos.
Unha vez incorporadas aquelas cuestións que podan derivar dos referidos trámites elevarase, previo informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, ao Consello da Xunta de Galicia para a súa aprobación definitiva.