O Bloque Nacionalista Galego deu conta este mércores das emendas formuladas ao Proxecto de Regulamento de Transporte de Viaxeiros por Autobús de Vigo.
O concelleiro do BNG, Xabier P. grexas cuestionou a “consulta pública” realizada polo Goberno local no mes de xullo toda vez apenas se recolleu ningunha das achegas que realizaron cidadás e cidadás e colectivos sociais. “Dixemos daquela e hoxe fica demostrado que era unha consulta farsa, que se quería dar aparencia de participación para logo non ter en conta nada do que se propuxese”, criticou.
Non permite a xestión pública do bus urbano
A primeira cuestión que abordan nas súas alternativas é a de que o Regulamento non feche a posibilidade de que o servizo do autobús urbano poida ser xestionado de maneira directa e cento por cento pública. “A actual redacción quere facer irreversíbel que o servizo teña que ser fonte de lucro para empresas privadas e a posición do BNG é a de que temos que abordar a serio o debate sobre a remunicipalización deste e doutros servizos privatizados“, contrapuxo Igrexas.
Bus gratis para menores de 14 anos
Nas emendas nacionalistas propoñen a gratuídade do autobús urbano para todas as persoas menores de 14 anos, fronte aos actuais 4 anos, “tal e como xa se está a facer noutras cidades galegas”. Tamén queren que o regulamento recolla a obrigatoriedade de que existan tarifas bonificadas. Outra da cuestións suxeridas é estender o dereito a un transbordo gratuíto, facendo uso da tarxeta PassVigo, até os 60 minutos en troca dos actuais 45.
Duplicar o número de prazas para persoas con mobilidade reducida
Co obxectivo de apostar nunha mellor integración e para gañar en seguridade e confortabilidade, o Bloque defende que se dupliquen o número mínimo de prazas reservadas para persoas de mobilidade reducida, persoas idosas e embarazadas, de 4 a 8, e que se garanta un mínimo de 2 prazas para cadeiras de rodas ou infantís en todos os autobuses.
Para o BNG é preciso máis participación na definición do novo mapa de liñas. Neste sentido, propoñen que sexa preceptiva a consulta e informe do Consello Sectorial de Transporte do Concello, como máximo órgano consultivo e no que están representados os sectores implicados, sindicatos e movemento veciñal.
Tamén enfatizou o portavoz nacionalista a importancia de que no Regulamento, que será o marco normativo sobre o que elaborar o novo prego de concesión do servizo, se recolla que as condicións do mesmo garantirán “a adecuada e suficiente conexión dos barrios e parroquias e tamén coas infraestruturas básicas (centros sanitarios, educativos, estacións de tren, estación de buses, aeroporto, porto, etc.)” facendo que prevaleza o servizo público “sobre parámetros de custo-efectividade ou de previsión de rendibilidade económica” das liñas.