Co gallo da celebración este martes, 26 de novembro, do ‘Día Internacional das Persoas sen Fogar’, a asociación Os Ningéns realizará un acto de rúa-ás 19:00h. na zona peonil do Calvario– “visibilizando as problemáticas de senfogarismo na nosa cidade”.
Durante o mesmo leráse un manifesto no que se fará un repaso da actualidade da situación das persoas sen teito, lembrando que “non existe un censo oficial para poderen recoller os datos reais do alcance deste drama e que na cidade non dispoñemos dun plan de vivenda en aluguer social que poida atenualo, polo tanto hai persoas perceptoras de Rendas de Inserción Social de Galicia (RISGA) ou pensións non contributivas que ven imposible acceder a unha vivenda, a prezos de mercado e coas garantías que se están a pedir nestes momentos, o cal os encadea á rúa de forma crónica”.
Posta en marcha do ‘Housing First’
No mesmo acto lembrarán que, se ben foi aprobada a iniciativa ‘Housing First’-dirixido á persoas que están en peores circunstancias, que levan, cando menos, 3 anos vivindo na rúa- para implantarse o 2019 dende o eido autonómico, rematando o ano todavía non se traduciu en medidas tanxibles.
Evitar as mortes na rúa
Reivindicarán tamén, no tocante ao Goberno municipal, a “mellora do albergue, o seu aumento de prazas e de tempo de estadía, así como un traballo multidisciplinar de inclusión activa”, e sobre todo, o compromiso das institucións para atoparen as ferramentas para evitar as mortes prematuras na rúa de veciñas empobrecidas, que seguen sucedendo en Vigo.