“Bonni” é unha das cadelas cuxa imaxe figura nos máis de 13.000 dípticos da campaña que edita a Deputación e, xunto a ela, a outra gran protagonista, como contou Silva, é “Muñeca“, a setter fotografiada nos 9.000 carteis de “Esteriliza, adopta”. O CAAN fixérase cargo desta última cadela despois de que fora abandonada e tamén acaba de ser adoptada por unha familia de Ourense.
A campaña
Falando da campaña, Carmela Silva subliñou que “nestas festas moitos animais son obxecto de agasallo entre os máis pequenos e pequenas da casa e queremos concienciar a quen estea pensando en facer este regalo para que adopte un can ou cadela en lugar de mercalo”. “É unha actitude -engadiu- moito máis responsable, máis social e acorde co benestar animal. E por outro lado queremos sensibilizar sobre a esterilización, para evitar a cría de animais que logo en moitas ocasións acaban abandonados”.
Silva destacou así mesmo os datos positivos que arroxa ata o momento este 2019, tanto no que se refire ao descenso do número de recollidas, con 1.176 ata o 15 de novembro, por 1.788 en todo o 2018, como no incremento notable das adopcións. “Ata mediados de novembro acadamos 410, superando de largo as 360 de todo o pasado ano, e parece que imos romper o récord de 430 adopcións que obtivemos no 2016”.
Desde o 2015, lévanse máis de 1.900 adopcións, “e esperamos que esta nova campaña poida ter tamén unha grande acollida e resposta”. Neste senso, Silva destacou tamén o feito de que as cadeliñas “Mara” e “Anxela”, que foran arroxadas en Cuntis a un colector e se recuperaron no CAAN, foron xa adoptadas.
Silva explicou que os 9.031 carteis da nova campaña se distribuirán nos 61 concellos da provincia, así como en centros de educación Primaria e Secundaria, centros universitarios e os Colexios de Veterinarios de Pontevedra, Lugo, A Coruña e Ourense.
Nos 13.340 dípticos ilustrados con outros cans do CAAN que se repartirán nestes mesmos lugares, amais das sedes da Deputación en Pontevedra e Vigo, a campaña tenta explicar polo miúdo as consecuencias dunha cría irresponsable, informa sobre os medios e as vantaxes do control da reprodución e tamén sobre os beneficios da adopción fronte á compra.