Galicia Sucesos

O centro de acollida de @depo_es tenta salvar a catro cachorros que foron arroxados a un colector en Vilanova

O Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra tenta recuperar desde este pasado sábado a catro cachorros (dous machos, “Ares” e “Ceo”, e dúas femias, “Terra” e “Sabela”) que foron arroxados a un colector en Vilanova de Arousa con apenas horas de vida.

Foron axentes da Garda Civil os que atoparon cinco cans no interior dun colector no lugar do Monte, na parroquia de Deiro e os trasladaron ás instalacións do CAAN na Armenteira. Unha das femias xa chegou morta ao centro e o resto atopábanse en situación crítica, con hipotermia e moi débiles. Os veterinarios do CAAN conseguiron estabilizalos e estanos a alimentar con biberón, xa que nestes momentos non hai posibles nais de acollida, como fora o caso de “Rula”, que aleitou ás dúas cadeliñas tamén arroxadas a un colector en Cuntis e que xa foron adoptadas. Neste senso, os veterinarios trasladan de noite aos cachorros ao seu propio domicilio para alimentalos cada dúas ou tres horas e, aínda que estes primeiros días seguen sendo cruciais, os cans e cadelas están a reaccionar de xeito positivo.

A Deputación lamenta e condena este novo episodio de maltrato e abandono na provincia propio de persoas “desalmadas”. Como salienta a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, “este é un problema que tamén mide a sociedade que somos”. A este respecto, hai que lembrar que o CAAN presentou no que vai de ano un total de 27 denuncias por abandono e/ou maltrato, dun total de 232 expedientes de localización de propietarios.

Nestes momentos, o centro, onde se atopan 450 cans, está a desenvolver unha nova campaña de sensibilización para fomentar as adopcións e a tenza responsable de animais. “Esteriliza, adopta” busca aproveitar a proximidade das festas do Nadal para facer fincapé na importancia da adopción fronte á compra e tamén na importancia de esterilizar para evitar a cría irresponsable de animais que logo xera tantos problemas e tantos abandonos ou maltrato.

Ata o pasado 15 de novembro, o CAAN  leva feitas 1.176 recollidas de animais, unha cifra que supón un descenso con respecto ao pasado ano, en que se recolleron 1.788 animais.  Outro dato positivo deste 2019 é o incremento notable das adopcións, xa que ata novembro se levaban 410, unha cifra que supera as 360 de todo o pasado ano.

También te puede interesar