Máis de medio milleiro de nenos e nenas protagonizaron esta martes a ‘I Ruta Cicloturista’ organizada entre CEE Juan María e Concello de Nigrán para celebrar o ‘Día Internacional da Diversidade Funcional’. Unha xornada conmemorativa que continuará no Auditorio Municipal coa primeira gala ‘Un Nigrán de talentos’, adicada a visibilizar a habilidade das persoas sexa cal sexa a súa capacidade.
Nenos e nenas dos colexios de Nigrán CEE Juan María, Humberto Juanes, da Cruz e Mallón; xunto a IES Terra de Turonio de Gondomar, IES Primeiro de Marzo de Baiona e o proxecto Discamino, protagonizaron esta primeira gran marcha pola diversidade que arrancou na Praza do Concello de Nigrán ás 11:00 horas coa lectura dun manifesto a cargo de rapaces do Juan María e nenos do Humberto Juanes no que se reclamou, entre outras cousas, a accesibilidade dos espazos públicos e privados, unha inclusión educativa real e ter un emprego en condicións de igualdade. Todos xuntos pedalaron nas súas bicicletas (entre elas as catro bicicletas adaptadas do Concello de Nigrán e as de Discamino) ata o Pavillón de Panxón, onde o Concello ofreceu unha chocolatada.