O Concello de Nigrán está a rematar a renovación de 215 metros de tubaxe de impulsión de augas residuais na Avenida de Portugal -en A Ramallosa-, poñendo fin aos problemas de constantes avarías na zona -dez neste último ano- debido ao mal estado das mesmas.
Estas obras foron acometidas de urxencia polo Concello ante o perigo inminente dunha gran ruptura que puidese producir filtracións ao río e supuxeron un custe de 63.897 €. Os traballos constaron da substitución por tubaxe de polietileno de 250 mm de diámetro e posterior reposición do asfalto no carril afectado -marxe dereita en sentido a Vigo-.
“Dada a situación ao borde do colapso, optouse pola substitución total de urxencia para evitar males maiores e por fin dunha vez aos constantes problemas”, resume o alcalde, Juan González.
Así, o colector de fundición rebasara a súa vida útil tras máis de 30 anos en funcionamento e o propio efecto do intenso tráfico rodado e da abrasión debilitaran profundamente a súa estrutura, producíndose constantes roturas coas consecuentes molestias aos veciños e posibles filtracións á contorna.