Abanca e a súa Obra Social, Afundación, puxeron en marcha este luns, día 9, a campaña solidaria de recollida de xoguetes que realizan todos os anos nas semanas previas á celebración das festas de Nadal.
“O obxectivo desta iniciativa é reunir o maior número de xoguetes posible para repartir entre as familias máis desfavorecidas, e contribuír así a que todos os nenos e nenas poidan ter un agasallo nestas datas tan sinaladas”, sinalan dende Abanca. A distribución dos xoguetes realizarase en colaboración con Cáritas na Coruña e Ourense, e con Aldeas Infantiles en Vigo.
Con este obxectivo, o banco e Afundación habilitaron locais físicos nestas cidades para recoller as doazóns que realicen os seus empregados, os seus clientes ou calquera outro cidadán que queira colaborar con esta acción. Todos os xoguetes deben ser novos e estar empaquetados.
O local de Vigo estará na rúa Policarpo Sanz, 36-38 e estará aberto ao público desde hoxe até o 23 de decembro, en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas. Durante a duración da campaña, os locais estarán atendidos por voluntarios de Abanca, Afundación e as entidades sociais beneficiarias.