Comarcas Vigo al minuto

@depo_es múdase ao Casco Vello

Así é:  a sede da Deputación de Pontevedra en Vigo deixa o seu actual ‘domicilio’, na rúa Oporto, a carón do antigo Reitorado, e vaise para o Casco Vello, en concreto para a que era ata hoxe a “Casa da fotografía”, propiedade municipal e que o Concello cede á institución provincial.

No acto da sinatura da cesión, este luns co alcalde, Carmela Silva asegurou que este cambio é fundamental “xa que ata o de agora na rúa Oporto, tiñamos un edificio de despachos, que non nos permitía desenvolver actividade e nós queríamos ter presenza na cidade, converter a nosa sede nun espazo para a cidadanía”.

Espazo de usos múltiples

A presidenta da Deputación adiantou que en xaneiro arrancará a actividade na nova sede “mudando por completo a nosa presenza na cidade”. A presidenta enxalzou o edificio, nun lugar “con enorme potencial“,  e detallou a súa distribución, cun espazo de usos múltiples onde promover accións da Deputación e outras moitas que teñan que ver con colectivos sociais e culturais. Ademais, no soto impulsaranse exposicións, entre outras, “a que o alcalde nos solicitou, relacionada coa fotografía, xa que esta cidade sempre xogo un papel fundamental neste eido”.

Cursos e actos ao aire libre

No primeiro andar haberá espazos para cursos de formación e actos, salas polivalentes así como as oficinas de SmartPeme, o proxecto da Deputación para “formar ás persoas emprendedoras, pemes e persoas autónomas, para que empreguen as TIC como instrumento para mellorar os seus beneficios, presenza e internacionalización”, tal e como lembrou Carmela Silva. Ademais, o edificio conta cun espazo exterior “marabilloso, que nos vai permitir desenvolver moitas accións ao aire libre, dinamizando deste xeito toda esta contorna e dándolle outra visibilidade á Deputación de Pontevedra”.

Pola súa banda Abel Caballero salientou que o cambio vai permitir “que as administracións ocupen en Vigo o seu lugar, espazos estratéxicos e de gran desenvolvemento, e se impliquen coa xente. O anterior edificio era impropio, non se prestaba para ter diálogo entre a Deputación e a cidadanía viguesa”.

También te puede interesar