Galicia

@QueremosGalego convoca concentracións en toda Galicia ante a “emerxencia lingüística” na que se atopa o galego

A plataforma cidadá Queremos Galego, composta por máis de 600 entidades, chama a cidadanía galega a mobilizarse nas sete cidades galegas a quinta feira (xoves) 19 de decembro, ás 20h, “en resposta á situación de emerxencia lingüística que amosan con claridade datos como os do IGE” e para “reclamar que a Xunta cumpra coas demandas realizadas polo Consello de Europa”.

O lema da convocatoria será ‘Emerxencia lingüística. Precisamos do galego,’ e terá lugar nas 7 cidades galegas simultaneamente. En Santiago, na Praza do Toural; na Coruña, no Obelisco; en Ferrol, na Praza Amada García (diante da delegación da Xunta); en Lugo e en Ourense, na Praza Maior; en Pontevedra, na Praza da Peregrina; e en Vigo; na Praza da Princesa.

“A evolución dos datos de uso e coñecemento do galego son alarmantes”, afirma o voceiro de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira. As taxas de incapacidade para falar galego entre a poboación menor de 15 anos son as máis altas da historia, consolídase a ruptura interxeracional e aumenta o número de persoas que se senten na obriga de mudar de lingua.

“Perante esta situación, reiterada en inumerábeis ocasións pola plataforma Queremos Galego e confirmada polo Comité de expertos e polo Comité de Ministros do Consello de Europa”, recorda Maceira, “a única política da Xunta é a agresividade e, segundo os expertos do Consello de Europa, incumprir a Carta e non realizar ningunha acción lexislativa ou política para o facer, nomeadamente no ámbito do ensino”.

“Se Feijóo tivese un mínimo de respecto por Galicia e pola institución que representa”, asegura o voceiro de Queremos Galego, “xa tería derrogado hai anos o decreto contra o galego”. A resposta da sociedade galega continúa activa e de novo co respaldo da máis relevante institución internacional europea para a defensa da democracia e dos dereitos humanos, como é o Consello de Europa.

A plataforma lembra que o informe dos expertos non só afecta á Xunta. O Estado ten que garantir o cumprimento da Carta que el mesmo ratificou, nomeadamente nos ámbitos que son da súa competencia. Neste sentido, a entidade recorda que as dificudades de uso do galego na xustiza ou na administración xeral do Estado deben ser resoltas, comezando por garantir o coñecemento de galego de todo o funcionariado estatal destinado en Galicia.

“A situación é de emerxencia e o galego é necesario para o desenvolvemento cultural, social, económico e humano de Galicia”, recordan: “Precisamos do galego para Galicia existir “.

También te puede interesar