O número de demandas de ruptura matrimonial -separacións e divorcios- presentadas en Galicia no terceiro trimestre do ano foi de 1.199, fronte ás 1.315 que se rexistraron no mesmo período do ano pasado, o que supón un descenso do 8,8 %.
No conxunto do Estado incrementaron un 1,4 %, segundo os datos feitos públicos pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX). Poñendo en relación as demandas de ruptura matrimonial coa poboación ao 1 de xaneiro de 2019, obsérvase que por cada 10.000 habitantes en Galicia se contabilizaron 4,4 demandas no período estudado, fronte ao 4,7 de media estatal. En comparación co segundo trimestre do ano, as demandas de ruptura descenderon un
18,4 %, ao pasar de 1.471 a 1.199.
O estudo reflicte que entre o 1 de xullo e o 30 de setembro na comunidade diminuíron tanto os divorcios consensuados (de 725 a 631, un 13 %) como os non consensuados (de 540 a 527, un 2,4 %). As separacións de mutuo acordo tamén baixaron, pois pasaron de 36 en 2018 a 30 no mesmo período deste ano, do mesmo xeito que as non consensuadas, das que se rexistraron 11, fronte ás 14 de 2018. Neste período non houbo ningunha petición de nulidade matrimonial, mentres que en 2018 presentouse unha.
No terceiro trimestre de 2019 iniciáronse 109 procedementos de modificación de medidas consensuadas, un 18,5 % máis que no mesmo período do ano anterior. As demandas de modificación de medidas non consensuadas pasaron de 365 a 350, un 4,1 % menos.
En canto aos procedementos de garda, custodia e alimentos de fillos non matrimoniais, rexistráronse 177 demandas de modificación de medidas consensuadas, fronte ás 192 do terceiro trimestre de 2018, o que supón un descenso do 7,8 %; e 281 demandas de modificación de medidas non consensuadas (260 o ano pasado), o que representa unha subida interanual do 8,1 %.