O servizo de Otorrinolaringoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) realiza ao redor de 12 implantes cocleares ao ano, sobre todo en nenos e nenas con problemas de audición ao padecer hipoacusias neurosensoriais severas e profundas.
Máster de Lingüística aplicada en Vigo
Especialistas do CHUVI, pertencentes á Unidade multidisciplinar que se dedica a este tipo de implantes, participaron nunha xornada de debate durante o Master Interuniversitario de Lingüística Aplicada que organizou a Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo sobre Hipoacusia e Implante coclear e as posibilidades deste tipo de tratamentos en menores xordos.
Unha das relatoras foi a doutora Ana Isabel Lorenzo, especialista en Otorrinolaringoloxía e cirurxía de cabeza e pescozo, que falou dos protocolos e os procedementos que se seguen para este tipo de implantes, deixando claro que só é viable para pacientes cunha determinada patoloxía auditiva.
Implante coclear
Na súa intervención, a doutora Lorenzo explicou que se trata dun dispositivo electrónico, que se acopla mediante unha cirurxía, e que permite transmitir á cóclea os sons convertidos polo dispositivo en estímulos eléctricos e desencadear así unha sensación sonora. Non obstante a especialista do servizo de Otorrilaringoloxía, que dirixe o doutor Carmelo Santidrián, remarcou que esta é unha alternativa que non se pode aplicar en todos os casos de perda de audición, senón “unicamente nas hipoacusias neurosensoriais severas e profundas, aquelas que afectan á cóclea, pero nas que o nervio auditivo non sufre afeccións”, dixo.
Unidade integrada por otorrinos, audiólogos e logopedas
A Unidade na que se realiza estes implantes no CHUVI é multidisciplinar. Está integrada por otorrinolanigólogos, audiólogos e logopedas. Estes últimos teñen unha gran importancia no éxito do procedemento, xa que unha vez terminada a cirurxía é fundamental a rehabilitación do paciente para que asimile as sensacións sonoras que recibe polo dispositivo, que son distintas ao que escoitarían as persoas que non teñen esas dificultades para oír.
Diagnóstico precoz e cribado neonatal
O Implante coclear se realiza en tres centros hospitalarios galegos. Un deles é o Álvaro Cunqueiro, que é referencia para o sur de Galicia neste tipo de patoloxías. É unha intervención que indicada tanto para adultos como para menores. A doutora Lorenzo puxo de relevo a importancia do diagnóstico precoz e do programa de cribado neonatal.
Existe unha diferencia entre as persoas que perden a audición despois da adquisición da linguaxe e os nenos e nenas que a perden antes. Para este último caso é imprescindible realizar o implante antes dos 6 anos, que é cando remata o período de maduración da área cerebral que se encarga da adquisición da linguaxe. Se esa parte do cerebro non recibe estímulos durante esa etapa, o paciente non vai poder desenvolver nunca a linguaxe oral, terminando por converterse en xordo-mudo.
No caso dos menores que perden a audición, pero teñen recibido estímulos na vía auditiva, aínda que fose durante un tempo, a doutora Lorenzo subliñou que “van poder adquirira a linguaxe, pero cómpre seguir estimulando a codia cerebral e realizar o implante”, aínda que sen un límite de tempo crítico.
Se a audición se perde despois dos 5-6 anos, cando xa se adquiriu completamente a linguaxe, o implante pode facerse en calquera momento da vida.
Na súa intervención, Lorenzo tamén se referiu ao impacto que a perda da audición ten nas persoas xordas, con grandes dificultades para comunicarse coa contorna falante, illamento e problemas laborais que se reflicten nun maior índice de desemprego. “A lingua de signos axuda, pero reduce a interacción a un ámbito próximo de persoas que coñezan este idioma”. Por iso, puxo en valor as posibilidades que ofrece o implante coclear, xa que “varios estudos teñen demostrado que un implante temperá consegue resultados audiolóxicos e no desenvolvemento da linguaxe similares aos da poboación ointe”.