A Deputación asinou este venres co Concello os convenios para financiar a humanización da Ronda de Don Bosco e a execución de obras en diversos viarios
A súa presidenta, Carmela Silva, repasou os investimentos levados a cabo pola institución provincial en Vigo, logo do acto de sinatura coa alcalde de dous novos convenios, a través dos cales a institución provincial achegará ao concello preto de 2 millóns de euros.
Trátase do proxecto de humanización da Ronda de Don Bosco e a execución de obras de substitución de firmes en viarios municipais de diferentes parroquias -Alcabre, Beade, Castrelos, Cabral, Candeán, Coruxo, Lavadores, Matamá, Oia, Sádroma, Valadares, Teis e Zamáns- como informara vigoalminuto.
Carmela Silva subliñou que “a Deputación cumpre con Vigo. Somos a administración supramunicipal que máis inviste neste concello” e explicou que “isto entendémolo como unha obriga, xa que estamos falando da cidade máis grande de Pontevedra e de Galicia, dunha cidade á que veciños e veciñas doutros concellos acoden habitualmente a facer todo tipo de actividades”.
Na súa intervención tamén aproveitou para facer balance das inversións en Vigo e salientou que “a Deputación de Pontevedra investiu en importantes actuacións para a cidade como a humanización da estrada provincial e doutras rúas de diferentes parroquias de Vigo, a recuperación de Villa Solita, a renovación do Estadio de Balaídos, o novo Pavillón de Quirós, a reforma do Pavillón Polideportivo do IES de Beade, as novas aulas da UNED ou no carril bici entre Teis e Samil, entre outras moitas obras”.
Amais Silva salientou que “na Deputación de Pontevedra apostamos polo deporte en Vigo adiando recursos para o Mundial Júnior de Balonmán, o J70 Villalia Series, a fase final da Euroliga 3, ao World Padel Tour e por suposto tamén investimos en outras moitas áreas como turismo, igualdade, medio ambiente ou cultura”.