Galicia

Aumentan ata 295 as prazas do programa ‘Xuntos polo Nadal’ para persoas que están estes días soas en Galicia

A Consellería de Política Social vén de incrementar en 35 prazas o programa Xuntos polo Nadal que ofrece compañía ás persoas maiores que viven soas. En total esta iniciativa ofrece aloxamento, comida e actividades a un total de 295 persoas de toda Galicia que se repartirán entre os centros de Panxón, con 130 usuarios; O Carballiño, con 115; e por primeiro ano, o Lug II da capital lucense, que acolle a 50 persoas.

Durante o desenvolvemento desta iniciativa, que dará comezo este mércores, día 25, e se prolongará ata o 7 de xaneiro, as persoas maiores poderán realizar distintas actividades como manualidades, probas de memoria, cine e teatro ou visitas polo entorno. Ademais, tamén terán tempo para facer exercicio e compartir experiencias e momentos xunto con outros usuarios.

Este programa está dirixido a persoas que superan os 60 anos e que viven soas nos seus domicilios. Na selección dos participantes dáse preferencia aos de máis idade, aos que non participasen en edicións anteriores e aos que teñan menos ingresos.

De feito, aquelas persoas con ingresos inferiores ao Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (Iprem), que é de 537€,  asisten de forma gratuíta e aquelas que estean por riba desta contía abonan 50€, que ademais da estadía e manutención inclúe a viaxe desde as súas lugares de orixe á residencia e tamén o regreso unha vez finalizada a estancia.

También te puede interesar