Alí, o presidente precisou que a gratuidade para os segundos fillos e sucesivos implantarase tanto nas 173 escolas públicas da Xunta como nas 260 escolas infantís privadas e de iniciativa social, tanto nas que xa están concertadas a día de hoxe como nas que non o están. Destas últimas, as que desexen voluntariamente adherirse a esta medida contarán co apoio económico do Goberno galego.
Esta iniciativa, pioneira e sen precedentes en toda España, beneficiará ás familias duns 12.500 nenos. Feijóo explicou que para levala a cabo a Xunta investirá neste 2020 máis de 14 millóns de euros.
Ademais, a partir do próximo curso o Goberno galego tamén achegará fondos para facilitar que as escolas infantís municipais poidan introducir a gratuidade para os segundos fillos e sucesivos. Para acollerse a este beneficio, será preciso que o concello en cuestión non teña débedas co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, en relación coa obriga de cofinanciar as escolas infantís e centros de día.
Gratuidade da atención infantil no rural