Deste xeito, nunha vontade de colaboración institucional, no encontro abordouse a necesidade de culminar o proceso de retirada das árbores afectadas polos incendios do 2017, como paso previo á recuperación forestal da zona. Estes traballos están sendo realizados pola Xunta e xa culminaron nos montes veciñais, quedando pendente a súa finalización nas parcelas de propietarios particulares. Tendo en conta o minifundismo e o grao de descoñecemento da titularidade existente na zona, o alcalde comprometeuse nesta xuntanza a colaborar coa Consellería para axilizar estes traballos de retirada. Neste sentido, o alcalde asumiu o compromiso de abordar cos propietarios particulares a necesidade de retirar canto antes esta madeira.
Estas achegas da Xunta para As Neves súmanse ás que permitiron financiar labores de eliminación de madeira queimada non comercial en diversos montes veciñais en man común do concello. Neste caso das Neves estes traballos abrangueron unhas 100 hectáreas, cun investimento total de 213.537 euros e realizáronse nos montes de Cerdeira, Rubiós, Taboexa, San Pedro de Batalláns e San Xosé de Ribarteme. Ademais, o conselleiro lembrou que nas diferentes liñas de axudas forestais da Consellería incluíuse este municipio como prioritario.
Neste encontro o conselleiro explicou tamén ao rexedor diversas posibilidades que ofrecerá a futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia. Así, trasladoulle a importancia da iniciativa das aldeas modelo, nas que xa se está a traballar noutros lugares de Galicia, e que impulsa a Xunta para poñer en valor as terras agrarias nas inmediacións dos núcleos de poboación. O alcalde amosou interese por estudar as posibilidades de desenvolver esta figura no seu municipio, tendo en conta tamén as vantaxes que ofrece para a prevención dos incendios.
Ademais, José González tamén sinalou outra das ferramentas de mobilización de terras, como son as agrupacións (agropecuarias e forestais) de xestión conxunta da terra. Neste senso, trasladoulle que esta iniciativa permitiría ás persoas propietarias ou titulares de dereitos de aproveitamento de terreos agroforestais xestionar conxuntamente esas propiedades.