Marea de Vigo cré que é “inescusable” a toma de medidas para paliar unha situación de “cronificación dos desafiuzamentos”, en Vigo, “con máis de 600 casos ao ano e un aumento anual dun 40%”.
Recoñecendo que as competencias en materia de vivenda son da Xunta de Galicia, o voceiro de Marea de Vigo, Rubén Pérez, subliña que as competencias municipais en materia de cobertura social abranguen políticas de vivenda, polo que “non existe argumento sólido” para non actuar dende o Concello.
“Tendo coñecemento por parte do Grupo Municipal da Marea de Vigo, que están xa nas mans da Sociedade de Xestión de Activos procedentes da Reestructuración Bancaria,(SAREB) as 155 vivendas da rúa Aragón que quedaron embargadas polo xulgado a un promotor, “olvemos a reiterar que o Concello ten que dirixirse á entidade para negociar, cando menos, o dereito de uso de varios inmobles para paliar, por unha banda o erro de vender máis de 24 vivendas municipais en Rosalía de Castro cuxos recursos obtidos, en parte, adicaronse para a indemnización do Auditorio Mar de Vigo; e por outra, solventar a inexistencia de parque de vivenda público de emerxencia na cidade, responsabilidade que non asumen nin Xunta de Galicia nin Concello” explica Rubén Pérez.
Marea de Vigo sigue a defender a necesidade dun Parque Municipal de Vivenda, que, ademais de contar con vivendas de titularidade municipal, contaría con aquelas que puidesen ser cedidas a súa titularidade ou uso por entidades bancarias, SAREB ou outros organismos públicos, mediante convenio, tal e como sería neste caso.