Ciencia y Tecnología Galicia

A mocidade galega compra en Internet o dobre que os maiores de 35 anos

O uso do comercio electrónico entre os galegos de 16 a 34 anos é practicamente o dobre que o que fan dos maiores de 35 (73,8% fronte a 38,4%). É un dos datos que se recolle no estudo “A Mocidade e as TIC. Edición 2019” que publica este domingo  o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Amtega.

O informe sinala que o 93,7% dos mozos e mozas e 16 a 34 anos navegan diariamente pola rede fronte ao 80,4% dos galegos de 35 a 74 anos. Entre os indicadores que analiza esta nova edición do estudo destaca, tamén, que máis do 97% dos mozos e mozas galegos empregan as redes sociais, case 27 puntos máis que os maiores de 35 anos.

As actividades realizadas nas redes sociais difiren xeracionalmente e a mocidade galega supera aos maiores de 35 anos en todos os usos analizados, destacando o seguimento de contas de influencers ou marcas comerciais (realizan esta actividade o 46,3% dos mozos e mozas fronte ao 19,2% dos máis maiores) ou compartir e visionar vídeos e música, cunha diferencia de aproximadamente 26 puntos respecto aos de maior idade.

O uso de apps non marca demasiadas diferencias en función da idade, agás no uso de apps de xogos (sen opción a ganancia monetaria), que empregan o 33,2% dos mozos e só o 13% dos maiores de 35 anos.

Fogares con nenos

A convivencia con nenos en idade escolar ( de 3 a 16 anos) anos aumenta o acceso a tecnoloxía, dende o uso de dispositivos electrónicos, de Internet ou do comercio electrónico.

O 99% dos fogares galegos onde conviven nenos e nenas en idade escolar dispón de acceso a Internet de banda larga. Este indicador crece máis de dous puntos respecto a ano 2017 e supera en máis de 17 puntos porcentuais á contratación de fogares onde non residen nenos en idade escolar.

Nos fogares onde residen nenos en idade escolar obrigatoria, obsérvase tamén unha maior presenza de dispositivos electrónicos de acceso a Internet. Destaca a diferencia coa media no que se refere á dispoñibilidade de Tablet, Pda ou similares (19,8 puntos máis), a Smart TV (18,9 puntos) e a Consola de xogos (15,6 puntos).

Os menores de 35, máis confiados na Rede

Accións como subministrar datos persoais ou información de contacto, incluso información de pagos a través de tarxeta de crédito ou conta bancaria, son moito máis frecuentes entre os mozos e mozas de 16 a 34 anos. Un 77% dos galegos desa franxa de idade proporcionou información de contacto ou datos persoais na Rede, 20 puntos máis que os maiores de 35 anos.

Sen embargo os galegos das franxas de idade máis nova tamén adoptan máis precaucións que os maiores de 35 anos. O 58,7% dos galegos máis novos fai regularmente copias de seguridade da súa información persoal ou garda os contidos na nube fronte ao 40,9% dos maiores e limita a información que mostra nas súas redes sociais, como declara facer o 45,1% dos mozos e mozas fronte ao 49,5 dos maiores de 35 anos.

O PIN ou patrón de desbloqueo é a medida de seguridade máis empregada en xeral polos mozos e mozas, aínda que a diferenza salientable é que a pegada dixital ou outros datos biométricos é usada por un 34%, fronte o 19,3% dos maiores de 35 anos.

You may also like