O Bloque Nacionalista Galego levará ao Pleno do Concello do mércores unha moción na que demanda que Xunta e Goberno español adopten medidas urxentes para asegurar a “continuidade da actividade e do emprego” nos estaleiros Barreras e Vulcano, e no conxunto do sector naval.
Na presentación da iniciativa, este luns, o concelleiro do BNG, Xabier P. Igrexas, subliñou o carácter “estratéxico” que para Vigo ten a construción naval e defendeu que con esta moción queren “alertar de que non se están tomando as medidas necesarias” para asegurar o futuro dunha actividade que chegou a representar 10 mil postos de traballo na cidade.
Na moción demandan que a Xunta promova a través de todos os medios legais ao seu dispor, “a intervención pública directa que permita facerse co control da maioría do accionariado dos estaleiros Barreras e Vulcano e garantir a continuidade da actividade e do emprego en condicións laborais dignas”. “Levamos moitos meses a preguntar porque en Vigo non podemos ter un estaleiro público ou semipúblico como existe noutras rías galegas e noutros ámbitos do Estado”, inquiriu o portavoz municipal nacionalista. Para o Bloque a intervención pública no naval é a única vía para garantir unha “saída de futuro e con estabilidade” que evite novas crises e unha “saída en falso e a moi curto prazo”.
Centro de Reparacións Navais
Do Goberno galego as nacionalistas demandan tamén a posta en marcha do Centro de Reparacións Navais na Ría de Vigo, a convocatoria urxente da Mesa de contratación do Naval e que se aplique a Lei 4/10 de Fomento do Sector Naval de Galiza que, segundo Igrexas, a inacción do Partido Popular converteu en “papel mollado”.
Demisión ou cese de López Veiga
Co obxectivo de evitar a desaparición definitiva de Vulcano a moción recolle a petición expresa de que a Autoridade Portuaria de Vigo e Portos do Estado se comprometan para asegurar o mantemento da actividade naval no estaleiro e que rexeiten a utilización da parcela de dominio público para outros usos.
Neste sentido, Igrexas esixiu a inmediata renuncia do presidente da Autoridade Portuaria, Enrique López Veiga, após se facer público que “mentiu con total descaro” ao asegurar que estaba pendente dun ditame do Consello do Estado sobre a continuidade da concesión de Vulcano. “A López Veiga xa non lle pedimos que cese no seu claro boicot a Vulcano senón que directamente marche. Que dimita ou que a Xunta propoña o seu cese”, reclamou.