Nun entrañable acto, o profesorado, alumnado, ex alumnado, pais/nais, persoal non docente e amigos, despediron a mestra María del Pilar González Casas no día da súa xubilación.
Responsable en grande medida do nome do Centro. Carlos Casares, padriño dunha aula, estivo presente na escola o día do bautizo, quedando encantado co que aquí vivíu, feito que quedou reflectido nun artigo escrito por el na Voz de Galicia. Este dato acompañado doutros motivos fai que con acerto e con orgullo o Centro leve o seu nome. De maneira anecdótica recordar que nun primeiro momento entre o profesorado e alumnado estaba no ambiente poñerlle o nome de Néboa, relacionado coa climatoloxía do lugar.
Pilar, mestra cun forte carácter; mestra defensora da nosa lingua, sempre nas equipas de normalización lingüística; mestra inmensamente traballadora, cunha morea de horas sobre as súas costas fóra do horario lectivo para poder levar adiante a cantidade de actividades nas que por norma se involucraba; mestra innovadora, responsable do bautizo das aulas co nome de escritores e escritoras representativos da nosa cultura, partícipe na revista “Néboa”, calendario escolar, axenda escolar…, en actividades de radio dentro de “Ponte nas Ondas”, defensora da natureza,”Os detectives verdes”, “Apila as pilas” e “Voz Natura”. A todo isto engadirlle a propia actividade marcada no currículo escolar propiamente dito.
No colexio de Alxén desenvolveu case toda a súa vida docente, máis de tres décadas, despois dun breve paso por Mondariz e Leirado. Tanto é así que entre os ditos do colexio, está aquel que ten a un alumno por protagonista cando se dirixe a Pilar e lle di: “Entón profe, ti xa estabas aquí cando fixeron a escola”. Cando chegou, aló polo 1988, soubo adaptarse e, no seu caso mellorar, a liña de traballo que por sorte existe neste centro dende o seu comezo. Nace o concepto de “alxenizar” ou sexa integrarse na liña de traballo do colexio e levar a outros centros a onde van destinados mestres e mestras que pasaron por Alxén a filosofía de traballo aquí existente.
Pasados uns días e diante dunha boa mesa tivo lugar un xantar entre amigos e amigas para homenaxeala e desexarlle que disfrute dunha longa e merecida xubilación e do seu tempo de lecer que dá lugar a unha nova etapa da súa vida. O acto celebrado nun restaurante da zona foi divertido e alegre onde se produciron reencontros marabillosos. Foi unha xubilación especial