As perforacións fixéronse nos edificios dos números 10, 12, 22 e 32 da rúa Elduayen “que están catalogados como Bens de Interese Cultural (BIC) e gozan, polo tanto, de especial protección” e estas actuacións terían sido recollidas en diferentes atestados policiais, por requirimento das titulares das vivendas afectadas.
O concelleiro do BNG, Xabier P. Igrexas, cualificou de “intolerábel” este feito, que se inscribe nos traballos para a tunelación de Elduayen dentro do proxecto de peonalización da Porta do Sol. “Están a perforar fachadas protexidas e nin tan sequera falaron coas propietarias e propietarios. A xente enterouse polo ruído dos taladros“, denunciou.
Onte pola tarde, nunha nota, o Goberno local desmentiu estes feitos subliñando que “en ningún caso se realizou perforación algunha en fachadas”.
Na mesma nota asegura que o Concello está colocando actualmente –“aproveitando perforacións xa existentes nas fachadas”– ‘prismas de auscultación e puntos de nivelación’, é dicir, “sistemas de vixilancia e seguridade que xa figuran como requisito no propio proxecto para o control das edificacións”.
Dende o Goberno municipal afirman que nesta fase utilizaranse para controlar que os procesos de construción e a súa interacción coa contorna están dentro do escenario contemplado no proxecto. e conclúe que “nas edificacións que se negou a colocación dos elementos en fachada expresamente, non se instalaron e en breve solicitarase formalmente”.