O presidente do Goberno galego avanzou este martes que ao remate deste 2020, “Galicia contará con 65.000 persoas dependentes atendidas.” Un obxectivo que se vén de ampliar, sinalou, logo de que “en 2018, dous anos antes do previsto, se acadaran os 60.000 dependentes atendidos”.
O presidente Feijóo subliñou que para acadar esta meta, nas últimas semanas se reforzou o Servizo de Axuda no Fogar, con “medio millón de horas máis de atención” para os veciños que o necesiten, e que chega xa a máis de 24.000 fogares, ao tempo que seguirase apostando polo ‘Bono Residencia’, que neste momento axuda a 1.900 galegos a pagar unha praza nun centro da súa elección.
Durante unha visita ás instalacións da residencia de maiores e centro sociocomunitario de Carballo, Feijóo subliñou que se dará prioridade tamén ao funcionamento do ‘Bono Coidados en Familia’, para aqueles dependentes que son atendidos no seu domicilio por unha persoa da súa contorna. Unha axuda que o ano pasado se incrementou un 10% para todos os beneficiarios e que conta coa posibilidade de que a persoa coidadora cotice gratuitamente á Seguridade Social.