Comarcas

@concellodorosal apoia a manifestación en defensa da Sanidade Pública

O Concello do Rosal vén de trasladar o seu apoio á “gran manifestación en defensa da sanidade pública” que se celebrará o vindeiro domingo, 9 de febreiro, en Compostela.
O equipo de Goberno “anima a toda a veciñanza a participar nesta actividade” convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública para protestar contra o desmantelamento dos centros de saúde, contra o deterioro da atención primaria e dos PAC de Urxencias e contra a precariedade laboral do persoal sanitario.
O Concello do Rosal denuncia a situación de “precariedade da sanidade pública” na comarca e defende “o dereito de toda a veciñanza a unha sanidade pública, digna e de calidade, un dereito que debe ser intocable”, salientou a alcaldesa.
 Ánxela Fernández salienta que “a falta de medios materiais e persoais é unha constante dende hai anos no Rosal”, unha situación que se trasladou en numerosas ocasións á Consellería de Sanidade e ao Sergas sen obter unha resposta que dea solución aos problemas non só no municipio, senón en toda a comarca.
“O Concello defenderá sempre o interese colectivo loitando pola defensa do que consideramos unha necesidade básica da nosa veciñanza”, subliñou.
Na actualidade, concluiu, o Concello vén sufrindo na área sanitaria deficiencias motivadas pola falta de cobertura de prazas e o alto ratio de Tarxetas Sanitarias Individuais atendidas polo persoal médico, o que provoca unha sobrecarga nas consultas.

También te puede interesar