Galicia

Denuncian a presenza de insectos na comida dun colexio de Gondomar

O BNG ven de denunciar que, máis unha vez, a comida que se serve nos comedores dos centros públicos de ensino de Gondomar carece dos máis elementais controis de calidade. Así, indican dende o Bloque, “no día de hoxe, no CEIP Chano Piñeiro detectaron a presenza de insectos na leituga da comida das crianzas”.

No pleno do Concello de Gondomar celebrado en decembro, foi aprobada unha moción do BNG a respecto da xestión dos comedores escolares do concello, na que se instaba ao Goberno galego, “en quen recae a competencia do servizo, e ao Goberno local, que mantén un convenio coa Xunta,” a mudar o actual modelo que ofrece “comida de baixa  calidade, cociñada en produción industrial, lonxe dos lugares onde se come e con moitas horas de antelación ao momento do xantar”.

Recollida de sinaturas

Neste sentido ás asociacións de nais e pais dos centros de ensino do concello, a través da Federación de ANPAS do Val Miñor (FAVALMI), inician unha recollida de sinaturas para instar á Xunta e Concello a instalación nun centro educativo da vila dunha cociña con capacidade para elaborar os menús do alumnado de todos os centros de Gondomar, e a
negociar coa empresa de catering que ten o contrato do servizo para que esta teña que elaborar a comida nela.

Deste xeito, a comida pasaría a ser elaborada en proximidade e con produtos de calidade, garantindo unha mellor alimentación do alumnado e a tranquilidade das familias, e actuaría como medida tendente a cambiar o actual modelo de xestión dos comedores.

También te puede interesar