A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de activar, mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), as convocatorias dos programas ‘Talento Sénior e Principia’ a través dos que se destinan máis de 2 millóns de euros á contratación de preto de 120 persoas en empresas e organismos de investigación.
Talento Sénior
O programa Talento Sénior ten como obxectivo facilitar a incorporación de profesionais de alta cualificación con traxectorias consolidadas para que leven a cabo en Galicia proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación en empresas, organismos de investigación non universitarios e centros tecnolóxicos.
Con esta iniciativa, que conta cun orzamento de 960.000€, prevese apoiar un total de 15 contratacións de persoal con máis de cinco anos de experiencia na área da I+D+i.
Programa Principia
Por outra banda, ponse en marcha o programa Principia, destinado a impulsar a contratación de persoal mozo e cualificado por parte de empresas, organismos de investigación e universidades, favorecendo o desenvolvemento da carreira profesional da xente moza.
Cun orzamento de 1,1M€, o obxectivo é favorecer a contratación de máis de 100 persoas durante un período mínimo dun ano, para o que se outorgarán axudas de 10.000€ por contrato. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 8 de abril.