A presidenta da Deputación visitou este martes, xunto á alcaldesa de Salceda, Dolores Castiñeiras, e a tenente de alcaldesa Verónica Tourón, dúas obras levadas a cabo con achegas da institución provincial neste concello cun investimento próximo a 1 millón de euros, a urbanización do antigo Campo da Feira da Devesa, incluída no Plan DepoRemse, e a actuación de mobilidade sostible na estrada provincial EP-2505 ao seu paso polo núcleo urbano.
En ambos casos, como subliñou Carmela Silva, son obras destinadas a mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade peonil, dentro da aposta da Deputación por un modelo de mobilidade “do século XXI, onde as persoas teñen que ser o centro, e as decisións máis relevantes para que isto sexa verdade pasan pola recuperación do espazo público para a xente, para que sinta que o pobo é dela”.
Silva salientou que a reforma levada a cabo no antigo Campo da Feira da Devesa (a zona de entrada e saída da localidade), que fora o centro neurálxico e histórico da vila, permitiu habilitar “un espazo totalmente distinto e aberto, onde os peóns son os protagonistas e os vehículos son accesorios, porque é a xente a que vai desfrutar de todo esta zona”.
A obra, cun orzamento de máis de 480.000€, permitiu dotar á vila, como engadiu a alcaldesa Dolores Castiñeiras, dunha nova praza “de estética fermosa” de 4.000 metros cadrados, que conta cunha área de xogos infantís e equipamentos para maiores. Amais, renováronse as redes de abastecemento e electricidade, e dotouse á contorna dunha nova iluminación en LED.
A presidenta tamén visitou a mellora realizada na EP-2505 ao seu paso polo núcleo urbano de Salceda (rúa Gándara), na que a Deputación investiu medio millón de euros. O obxectivo era humanizar esta contorna, habilitando espazos seguros para os peóns. A actuación realizouse nun tramo de 350 metros e incluíu tamén a reordenación da intersección entre a rúa Gándara e a avenida de Galicia cunha glorieta. A obra, conecta de maneira segura o centro urbano co espazo de lecer nas beiras do río Landres.