Unha “espectacular e rompedora” instalación “con mensaxes que non deixarán a ninguén indiferente, que falará de mulleres poderosas e libres, e da nosa sororidade contra os negacionistas”, protagonizará o acto central que a Deputación de Pontevedra celebrará para conmemorar este ano o 8M. Así o anunciou este xoves Carmela Silva, quen avanzou esta iniciativa na presentación da extensa programación que a institución provincial vai desenvolver ao longo de todo o mes de marzo, e que este 2020 leva o lema “Por nós, por todas”.
Tras amosar a súa “indignación” polos crimes machistas sucedidos nas últimas horas, que poderían elevar a 14 o número de mulleres asasinadas no que vai de ano, Carmela Silva deu a coñecer as máis de vinte actividades da programación de igualdade para marzo, que se desenvolverán en Pontevedra, Vigo e outras localidades da provincia, entre as que figuran “exposicións, proxeccións cinematográficas, encontros de mulleres, accións artísticas, encontros literarios e accións de denuncia artística e reivindicación entre outras moitas”.
Acto central venres, día 6
Carmela Silva explicou que o citado acto central que terá lugar o 6 de marzo en Pontevedra terá dúas partes. En primeiro lugar, despregarase da balconada do Pazo Provincial unha lona co lema “Por nós, por todas”, “que vestirá a fachada durante todo o mes de marzo”. Ao igual que en Pontevedra, a sede da Deputación en Vigo tamén contará con esta lona.
E, seguidamente, o hall do Pazo será escenario dunha instalación que levará por título “A fortaleza da razón”, baixo a dirección artística de Irene Silva. “Vai ser unha instalación sorprendente, vangardista, dinámica e con mensaxes que non deixarán a ninguén indiferente”, subliñou a presidenta, quen tamén destacou que todos os actos programados “terán un marcado carácter cultural, porque na Deputación de Pontevedra cremos profundamente no poder transformador da arte e da cultura e apostamos de forma inequívoca como canle de achegamento á sociedade. Cultura e igualdade van da man, co obxectivo de transformar a sociedade en que vivimos”.
Como engadiu Carmela Silva, as actividades iniciaranse o vindeiro luns 2 de marzo, coa apertura ás 12 horas da exposición “Rompe. Xoga en igualdade” en Tui. A mostra poderase visitar no edificio Área Panorámica ata o 14 de abril.
Camelias María Vinyals
Ao día seguinte, o martes 3 de marzo, está prevista unha das actividades máis novidosas, a plantación de camelias “María Vinyals” no Castelo de Soutomaior (12 horas). A presidenta da institución provincial explicou que a Deputación vai rexistrar esta nova camelia desenvolvida na Estación Fitopatolóxica de Areeiro e cuxa cor “ten unha simboloxía moi potente”. “É unha flor dobre formal, con multitude de pétalos e sen estames -indicou-. Predomina a cor vermella, e precisamente María Vinyals era coñecida como a marquesa vermella, pero cando está completamente aberta, vira a cor lila lavanda; as miradas lilas que tanto precisa a sociedade. Unha cor relacionada co movemento feminista, do que Vinyals foi precursora hai 100 anos”.
Sede da Deputación en Vigo
Nesa mesma xornada, o 3 de marzo, inaugurarase a mostra “Sempre Marzo”, coas obras do libro coordinado por Yolanda Castaño, na sede da Deputación en Vigo (20 horas), nun acto que estará amenizado cun recital poético a cargo da propia Yolanda Castaño, e tamén con Helena Villar e María Lado.
O día 4 desenvolverase na sede da Deputación en Vigo o espectáculo “Literarias” (20 horas). Carmela Silva explicou que este proxecto “é un diálogo entre os diferentes xéneros literarios que pon en valor a literatura escrita por mulleres desde unha perspectiva de xénero” e está deseñado por tres referentes da cultura galega. Neste senso, está protagonizado por Mariana Carballal (actriz e directora docente no ámbito do audiovisual), Isabel Blanco (narradora e poeta) e Silvia Penas (poeta e performer).
As dúas últimas autoras estiveron na presentación da programación da Deputación para avanzar algunhas pinceladas desta acción, que xunta, como sinalou Penas, “o xénero narrativo, o dramático, o poético nunha posta en escena que non se pode explicar, ás veces é un recital, unha performance, unha lectura dramatizada e con elementos de moitos ámbitos. O que nos xunta, amais dunha loita común co feminismo, é que os textos están traballando a perspectiva de xénero nos distintos ámbitos”. Tanto ela como Isabel Blanco leron no acto algúns dos seus propios textos.
Despois deste espectáculo, tamén en Vigo se celebrará entre o 5 e o 9 de marzo un ciclo de cinema, baixo o título “Outra Mirada de Cine”. As proxeccións terán lugar na sala Dorotea Bárcena da sede da institución provincial, ás 20 horas, e os filmes que se exhibirán son “Ouaga girls”, “Visións” e “Un home mellor”.
Trala celebración, o día 6, do acto central do 8M, as actividades continuarán en Pontevedra co XIII Encontro da Muller Xorda, que terá lugar o día 7 no Pazo Provincial. Carmela Silva incidiu en que “se todas as mulleres vivimos en desigualdade e padecemos discriminación, as mulleres que teñen algún tipo de diversidade funcional teñen unha dobre desigualdade, de aí o valor deste acto”.
E o propio día 8 de marzo, a Deputación, amais de apoiar as distintas convocatorias dos movementos feministas, colaborará na carreira do Tour Universo Mujer que se desenvolverá en Pontevedra, no que fará un reparto de camisetas de promoción da igualdade “coa que queremos visibilizar a presenza das mulleres no deporte”.