O Grupo municipal da Marea de Vigo solicitou este mércores, nun escrto entregado no Rexistro Municipal, a resolución do contrato coa concesionaria de vixilancia de seguridade na rede museística de Vigo, tras ter coñecemento de todos os “atropelos levados a cabo pola empresa concesionaria, a UTE Sistemas de Seguridade A-1 SL – Servicios de Seguridade Integral e Mantementos A.1 SL, das accións do cadro de persoal e representación sindical, e, sobre todo, das medidas tomadas polo concello ata o día de hoxe”.
Á vista dos feitos, que non son outros que a “total inacción do Concello para dar solucións a impagos de salarios, atrasos nos mesmos que se remontan ao verán”, así coma outros incumprimentos en materia de saúde laboral ou formación obrigatoria, Marea de Vigo pídelle ao concelleiro de Cultura, á de Contratación e ao propio alcalde, mediante un escrito, a resolución do contrato en base ao establecido no prego administrativo do contrato e na propia Lei de Contratos do Sector Público.
“Non é comprensible como tendo as ferramentas necesarias este Goberno non queira resolver un contrato, dilatando unha situación que coñece perfectamente pois xa aconteceu co contrato de limpeza das dependencias municipais, onde finalmente tivo que resolver o contrato” matiza Rubén Pérez. “O peor de todo – prosigue o voceiro – é que esta falta de vontade e esta irresponsabilidade sempre e só a paga o cadro de persoal da concesionaria”.
O Grupo municipal da Marea de Vigo tamén baséase no seu escrito nas resolucións emanadas da Inspección de Traballo, á que acudiron os sindicatos durante os últimos meses ante os incumprimentos da empresa. Neste sentido, Rubén Pérez sinala que “O Goberno o tiña máis doado que noutras ocasións, tendo recoñecido a Inspección o incumprimento da normativa laboral. É moi curioso que todos os informes xurídicos do Concello non o fagan e se limiten, dun xeito reiterado, a cualificar un impago salarial coma unha ‘falta leve’ e non como a falta grave que supón, segundo o prego, o non cumprir en materia laboral”.
Ante isto, Marea de Vigo insiste na necesidade do control das concesionarias que o Goberno de Abel Caballero rexeita, pois “os problemas laborais coas empresas concesionarias son xa unha constante neste Concello” conclúe Pérez.